EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Os brancos e tintos da D.O. Monterrei promociónanse en Lugo

A capela de Santa María desta cidade acollerá o 27 de abril un Túnel do Viño desta denominación

 

Os tintos e brancos de Monterrei serán protagonistas dun Túnel do Viño da denominación que se celebrará en Lugo o vindeiro martes 27 de abril. A capela de Santa María da cidade da muralla acollerá a terceira acción promocional da denominación neste ano da Denominación de Orixe Monterrei coa participación dunha trintena de viños de 18 adegas amparadas.

Durante dúas quendas (unha de 11 a 14 horas, e outra entre as 18 e 21 horas) co obxecto de cumprir todas as medidas hixiénico-sanitarias esixidas, desenvolverase esta actividade destinada a catadoras, canle HORECA e escolas de hostalería, entre outros profesionais.

Durante esta acción promocional, os asistentes poderán descubrir a historia e tradición vitivinícola de Monterrei, as súas peculiaridades edafoclimáticas, variedades de uva ou tipoloxías de viño. Ademais de coñecer os brancos e tintos que se elaboran na denominación, da man das 18 adegas participantes nesta iniciativa promocional: Ladairo, Pazos del Rey, Pazo das Tapias, Gargalo, Castro de Lobarzán, José Antonio Da Silva Pereira (Viños Lara), Crego e Monaguillo, Terras do Cigarrón, Triay Adegas de Oímbra, Terrae Monterrei, Pazo Blanco Núñez (Tapias Mariñán), Fragas do Lecer, Manuel Guerra Justo (Vía Arxéntea), Tabú, Alba Al-Bar (Daniel Fernández), Trasdovento, Fausto Rivero Pardo (Quinta Soutullo) e Manuel Vázquez Losada.

Para participar no Túnel de Viño da D.O. Monterrei en Lugo será necesario confirmar asistencia no teléfono 678 577 933 ou info@paadin.es, xa que as prazas son limitadas. “Constitúe a terceira iniciativa promocional que levamos a cabo este ano, algo fundamental para recuperar o vínculo directo cos nosos prescritores, así como para favorecer novas pontes de comercialización aos nosos asociados”, manifesta a presidenta do C. R.D.O. Monterrei, Lara Da Silva.

Artigos relacionados

Back to top button