CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Os campos de traballo de Ourense e Esgos traballan na limpeza de terreos

O de Esgos desenvólvese en Vilar de Orelles, limparán e acondicionarán a ruta do río Grañal e no da cidade acondicionarán terreos para facer ortas urbanas
Fotos do grupo do campo de traballo de Esgos con Marisol Díaz.

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, realizou hoxe, 3 de xullo, unha visita aos campos de traballo de Esgos e Ourense  organizados pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e  que programan actividades de ocio e educación non formal.

Marisol Díaz, visitou o campo de traballo Medioambiental e Etnográfico de Vilar de Ordelles, emprazado na localidade ourensá de Esgos. Os 19 participantes nesta iniciativa, entre os que figuran 8 estranxeiros de Alemaña, China, Rusia e Francia, limparán e acondicionarán a ruta do río Grañal, amais de crear unha páxina web e unha ruta virtual sobre a mesma, elaborar un documental onde se amosarán as testemuñas patrimoniais e etnográficas para a posta en valor desta zona. Tamén dinamizarán o Mosteiro de San Pedro de Rocas a través da dramatización da súa historia ao longo do tempo

A delegada territorial acompañada polo alcalde da cidade, Jesús Vázquez, tamén coñeceu as actividades que están a levar a cabo no campo de traballo “Un rural para tod@s”. Esta iniciativa desenvólvese arredor do medio ambiente e do eido social. Os voluntarios acondicionarán terreos para uso agroecolóxico, o que está enmarcado nun programa ecosocial para persoas en risco de exclusión social. Así, os participantes nesta iniciativa traballarán man a man cos que serán os beneficiarios finais das hortas, que empregarán a comercialización dos produtos agrícolas como base económica e inicio para a inserción social.

Díaz Mouteira destacou que “os campos de traballo contribúen á difusión de valores como a participación, a solidariedade, o coñecemento do contorno e o traballo en equipo entre os participantes”. Así mesmo, “fomentan a mobilidade, pois ofrecen aos mozos e mozas a oportunidade de tomar parte en campos doutras Comunidades e países”. Así, no de Ourense só participa un galego, mentres que 10 voluntarios proceden doutras comunidades autónomas e 3 son estranxeiros de Rusia e Xapón.

Na provincia ourensá lévanse a cabo un total de cinco campos de traballo de ámbito internacional no marco da campaña de verán 2017 atraendo a preto de 100 mozas e mozos de entre 18 e 30 anos á provincia. Esta é unha das moitas actividades que están recollidas no programa ‘O teu verán colle nunha mochila’, que na provincia ourensá oferta un milleiro de prazas para mozos e mozas de entre nove e 30 anos.

Artigos relacionados

Back to top button