Galerías de fotosPolíticaÚltima hora

Os candidatos do PP ao Congreso e ao Senado presentan en Trives o seu programa electoral

O documento divídese en dez puntos, destacando a “revolución fiscal, medidas para impulsar de novo a economía e o fortalecemento da unidade nacional”

O Hostal La Viuda de Trives foi o escenario elixido polo Partido Popular de Ourense para presentar o seu programa electoral de cara ás xerais do 28A, que inclúe “máis de 50 puntos destinados a converter ao rural nun novo espazo de oportunidades, convertendo este ámbito nunha cuestión de Estado”.

Este é un dos puntos destacados polos integrantes das candidaturas populares ao Congreso e ao Senado durante a presentación do documento que tiña lugar na mañá do 9 de abril. Na Pobra de Trives e coa presenza dos cabeza de lista populares na comarca ás eleccións municipais de maio, os candidatos presentaron un programa de intencións que inclúe 500 medidas, “froito dun proceso participativo no que durante seis meses se recolleron máis de 3.000 propostas por todo o terrirorio nacional”.

O documento divídese en dez bloques, aínda que a número uno da lista ao Congreso Ana Vázquez fixo especial énfase en tres eixos: a revolución fiscal, medidas para impulsar de novo a economía e o fortalecemento da unidade nacional para facer fronte á maior crise territorial nunca vivida en democracia. “Estamos”, dixo “diante dun programa participativo, cheo de oportunidades e que precisa do voto unido para que podamos demostrar, unha vez máis, que o PP é un valor seguro para o futuro deste país”. Un horizonte no que o rural, afirmou, “vai ter un protagonismo moi particular con medidas como a redución da renda para as persoas que vivan nestas zonas, bonificacións para empresas, facilidades para a implantación de industrias, incentivos para emprendedores, plans para rehabilitación e construcción de vivenda, banda ancha para conexión a internet e mesmo máis seguridade cunha maior presenza dos corpos e forzas de seguridade do Estado”.

 

Os candidatos populares ao Congreso e ao Senado cos cabeza de lista das Terras de Trives.

 

Na presentación do programa interviron cada un dos membros da lista ao Congreso e ao Senado para falar de aspectos concretos. Miguel Ángel Viso falou do Medio Rural, asegurando que as candidaturas “están integradas por persoas que coñecemos de primerira man o territorio e as súas potencialidades, por iso estamos en condicións de defender e reforzar a Política Agraria Común, conceptos como a denominación de orixe ou o agroturismo”. Para o rues Avelino García, a creación de emprego “é a principal seña de identidade do Partido Popular. Estamos ás portas da cuarta revolución industrial e temos que traballar para adaptar a oferta á demanda de cualificacións, anticipándonos ás necesidades das empresas”. En educación, destacou “o reforzamento das escolas unitarias no rural, como instrumento básico da igualdade de oportunidades, e garantías para que as familias podan escoller o centro educativo que queren para os seus fillos, e no tocante ás pensións, “é prioritario manter o poder adquisitivo dos xubiulados, pero precisamos un sistema sostible e de garantías”, dixo.

No ámbito da sanidade, Francisco José Fernández citou algunhas das propostas como a implantación dunha tarxeta sanitaria única, o testamento vital, os coidados paliativos, a medicina personalizada “e no rural a incorporación dos recursos necesarios e de novas tecnoloxías que eviten desprazamentos innecesarios”. E no que atinxe ás infraestruturas, Celso Delgado subliñou que a próxima lexislatura será “a que nos permita concluír a conexión de Galicia con Madrid por alta velocidade, para o que imos traballar co fin de que as obras non se deteñan e se cumpran os prazos establecidos”. Delgado Arce tamén citou outros proxectos de importancia para Ourense que precisan de impulso como a autovía A-76 entre Ourense-Ponferrada, a A-56 de conexión con Lugo, ou circunvalación norte de Ourense.

 

Os candidatos populares ás alcaldías das terras de Trives.

 

Á presentación acudiron representantes do PP nos concellos da Teixeira, Montederramo, Larouco, San Xoán de Río e A Pobra de Trives. Como anfitrión, o candidato popular á alcaldía de trives Domingo Diéguez, era o encargado de pechar o acto matizando que “é certo que se están facendo apostas pola infraestruturas a nivel galego (falamos do AVE e das autovías) pero non podemos esquecernos de que a esta terra aínda non chegaron esas vantaxes. Temos unhas carencias importantes en sanidade, en educación e en infraestruturas e comunicacións, e levamos moitas campañas e os gobernos e por desgraza seguimos sendo unha zona abandonada da Galicia interior. Espero un resultado favorable nas eleccións e que despois, todos vos nos axudedes a combater dalgún xeito ese esquecemento sistemático”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button