PolíticaÚltima hora

Os candidatos do PP ao Congreso por Ourense piden no Barco “unir os votos para botar a Sánchez”

 

Mobilizar aos votantes e unir os votos cara o PP para “botar a Pedro Sánchez” polo seu “nefasto goberno”. Eran as mensaxes nas que insistían os candidatos populares ao Congreso por Ourense nas vindeiras eleccións xerais na noite do 3 de novembro no Barco.

O Teatro Lauro Olmo da vila acollía un mitin comarcal que se abría coa intervención do deputado valdeorrés no Parlamento galego Moisés Blanco. “Debémoslle a Pedro Sánchez estar aquí e ter que volver a votar o vindeiro domingo”, aseguraba. Ademais facía unha mención especial aos “alcaldes, concelleiros, apoderados e interventores que levan moito tempo facendo un traballo destacado o día das eleccións”. Deseguido presentaba á cabeza de lista ao Congreso do PP por Ourense, Ana Belén Vázquez, como unha “muller xove, loitadora, con moito impulso e traballadora.

“Estamos nun momento crítico, importantísimo, hai unha desaceleración económica, estase destruíndo emprego, a crise económica peta á porta e necesitamos un presidente forte”, dicía nada máis iniciar a súa intervención Ana Beléz Vázquez. Pedía tamer sumar o voto e incidía en que esta “é a segunda volta na que cabemos todos no PP, temos o reto de botar a Sánchez”.

Tamén tomaba a palabra neste mitin o número tres ao Congreso do PP por Ourense, o rues Avelino García, quen aseguraba que “hoxe vimos pedir o voto. Esta é unha campaña electoral que nós non queriamos, e se estamos aquí é por culpa de Pedro Sánchez, que non quixo gobernar con ninguén. Se agora somos capaces de aunar o voto conseguiremos volver á senda de ganar cun 3-1”.

 

Francisco Conde, conselleiro de Economía, na súa intervención no mitin do Barco.

 

Os candidatos estaban acompañados polo resto de membros da lista popular na provincia ao Congreso e ao Senado, que encabeza Miguel Ángel Viso, ademais de por Francisco Conde, conselleiro de Economía e membro da xunta directiva do PPdeG, e polo presidente do PP de Ourense e tamén da Deputación, Manuel Baltar, así como por alcaldes e concelleiros populares en Valdeorras.

Francisco Conde plantexaba estas novas eleccións xerais como “unha oportunidade de seguir traballando e de unir o voto” e transmitía unha mensaxe “de esperanza, o PP ten proxecto para España, levamos 16 meses de parálese, estamos nunha desaceleración económica e as cousas non pintan nada ben. Necesitamos un goberno que goberne e que tome decisións”. Ante o 10 de novembro, engadía, “só temos dúas alternativas: que goberne Pedro Sánchez ou Pablo Casado, cada voto que se vaia cara Ciudadanos ou cara Vox é unha oportunidade máis para que goberne Sánchez”.

 

Manuel Baltar nun dos momentos do mitin no Teatro Lauro Olmo.

 

O mitin completábase coa intervención de Manuel Baltar que tamén poñía en valor o labor dos alcaldes e dos concelleiros, “sodes a primeira liña do PP, o noso mellor escudo”, dicía. E facía unha chamada ao “voto intelixente. O único voto e necesario é un voto ao PP, os que se quedan na casa apoian a Sánchez”.

Baltar destacaba a continuación que o PP “ten unha candidatura, tanto ao Congreso como ao Senado, que sen dúbida vai a representar fielmente á provincia de Ourense. A xente que levamos é boa e o noso programa tamén é moi bo porque fala en clave de Ourense”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button