Eleccións Xerais 26-XGalerías de fotosPolíticaÚltima hora

Os candidatos ourensáns de En Marea ao Congreso e ao Senado, no Barco

Participaban nun acto que se desenvolvía na tarde do 15 de xuño no salón de actos do edificio multiusos da vila valdeorresa

Paro e emigración. Nestas dúas cuestións centraba a súa intervención David Bruzos, cabeza de lista de En Marea por Ourense, no acto que esta formación celebraba na tarde do 15 de xuño no edificio multiusos do Barco. “Dende que comezou esta campaña electoral marcharon de Galicia 350 persoas, fixeron as maletas porque non teñen ningún tipo de oportunidade aquí. Isto é unha lacra porque toda esta xente que emigra é a xeración máis formada da nosa historia. Pero hai outra parte da xente que non ten que emigrar porque usan as institucións como axencias de colocación familiares”, aseguraba.

A outra cara da moeda, dicía, é o paro. E iso, a pesar de “ter unha provincia tremendamente rica. Non podemos permitir que inoculen dentro de nós o virus de dicir que temos unha provincia pobre”. Nese senso apuntaba a En Marea como “a única opción” para mudar as cousas.

Bruzos pechaba un turno de intervencións no que o precedían no uso da palabra Juan Villarino e Pilar Barros, candidatos ao Senado, que coincidían en pór en valor esta institución e na necesidade de que “os nosos senadores podan entrar aí”. “O Senado colle unha especial importancia para conseguir o cambio verdadeiro, necesitamos nel votos do cambio, da esquerda rupturista”, resaltaba Barros.

Asemade tomaba a palabra Carmela Docampo, a número 3 da lista ao Congreso, veciña do Barco, quen aludía aos resultados do 20D como unha mostra de que o panorama político da provincia está cambiando, “conseguimos un deputado, o primeiro de Ourense que non é nin do PP, nin do PSOE. Agora imos levar a En Marea con máis deputados”.

O acto contaba asemade coa presenza da número dous por Ourense ao Congreso, Sofía Díaz, quen recordaba tamén que “xa somos unha provincia rebelde, quitámoslle parte do poder ao PP, un representante” e defendía os servizos públicos fronte á privatización que están a sufrir ámbitos públicos como o da sanidade.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button