Galerías de fotosPolíticaÚltima hora

Os candidatos populares ao Congreso e ao Senado achéganse ata O Barco

Reuníronse cos representantes de Asfaval, do IEV e AEVA transmitindo unha mensaxe de apoio á autovía A-76

A menos dunha semana para a cita coas urnas, os candidatos populares ao Congreso e ao Senado achegábanse ata o Barco de Valdeorras para “transmitir unha mensaxe de apoio á autovía A-76 (Ourense-Ponferrada) como unha infraestrutura vital para o desenvolvemento das comarcas de Valdeorras e O Bierzo”, esixindo “a licitación inmediata das obras nos tramos máis avanzados, así como investimentos periódicos para o mantemento da N-120”.

Acompañados polo presidente provincial Manuel Baltar, a candidata á alcaldía do Barco Sabina Aguado, o parlamentario autonómico Moisés Blanco e o senador Avelino García, entre outros, os cabezas de lista ourensáns reuníronse cos representantes de Asfaval, do IEV e de AEVA, aos que explicaron as propostas que o seu partido inclúe no programa electoral para os ámbitos social, cultural e empresarial.

Manuel Baltar subliñou que o goberno de Mariano Rajoy impulsou decisivamente a autovía “con realidades reflectidas no BOE, como a redacción e licitación dos proxectos desta autovía, consignando partidas suficientes, mentres que o goberno de Sánchez demostrou que non lle importa Galicia reducindo en case un 90 % os investimentos en estradas no seu fallido orzamento”.

A este aspecto referiuse tamén o candidato popular ourensán Celso Delgado, destacando que “se nos orzamentos do PP de 2018 se consignaron 4,8 millóns de euros para todos os tramos da autovía, para 2019 os socialistas só deixaban no seu proxecto económico 822.290 euros, un 82,91 % menos”. Especial agravio, engadiu Delgado, supuxo que o tramo máis avanzado da autovía, A Veiga de Cascallá-O Barco de Valdeorras, en condicións de licitar neste ano, fora a recibir “unha ridícula partida de 100.000 euros, cando nos orzamentos de Rajoy había consignados 3 millóns de euros”. Tamén houbo unha mención á circunvalación do Barco, cuxas obras se adxudicarán a mediados deste ano.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button