Galerías de fotosPolíticaÚltima hora

Os candidatos socialistas ourensáns do 20D achéganse aos sectores produtivos valdeorreses

A cabeza de lista ao Congreso, acompañada por Gómez Besteiro, visitaba unha canteira de lousa, a sede do CRDO e reuníase con sindicatos e empresarios de Valdeorras

Era unha longa e completa axenda a que desenvolvía a número un socialista por Ourense ao Congreso nas vindeiras eleccións do 20 de decembro, Rocío de Frutos, na súa visita á comarca de Valdeorras o 20 de novembro. Nela estaba acompañada polo o secretario xeral dos socialistas de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, ademais de por representantes do partido na provincia ourensá.

A visita iniciábase en torno ás once e media da mañá no exterior de Pizarras Gallegas en Vilamartín. Antes de visitar as instalacións desta nave de lousa, tiña lugar unha rolda de prensa que se abría coa intervención do alcalde do Barco, o socialista Alfredo García, quen daba conta do itinerario desta viaxe pola comarca e desculpaba, “por motivos familiares de última hora”, a ausencia do número un do partido socialista ao Senado, Luis García Mañá.

Tamén interviña a cabeza de lista do PSdeG-PSOE por Ourense ao Congreso, Rocío de Frutos, quen explicaba que “vimos a visitar os principais sectores económicos de Valdeorras: a lousa, as adegas… e a falar co sector empresarial e cos sindicatos. Eu coñézoos dende outro ámbito, o da miña profesión, e sei que son realmente importantes, non só para a comarca, senón para toda a provincia, e nós dende Madrid intentaremos realizar todas as accións para impulsar ditos sectores”. Ademais citaba como acción prioritaria á relativa ás “comunicacións entre O Barco e Ourense, e nós faremos eses proxectos que xa tiñamos para executalos e que cheguen a bo fin”.

Finalmente, Gómez Besteiro resaltaba que Valdeorras “vaise xogar moito o próximo 20 de decembro”. Sinalaba tamén que o goberno “dos últimos catro anos, non respostou ás expectativas que tiña esta comarca” e que “é posible un cambio”. Referíase tamén ao ámbito das infraestruturas e, en concreto, á autovía A-76 “que debe ser o eixo vertebrador desta comarca, o que lle permita un desenvolvemento moi intenso como todos o queremos, pero tamén obras como a circunvalación do propio Barco para sacar fóra ese tráfico pesado que hoxe ten que pasar polas rúas barquenses”. Tamén fixo fincapé no valor de sectores produtivos desta comarca como a lousa, o viño, e o turismo “que dan emprego e contribúen a xerar emprego e, sobre todo, a traer riqueza a esta comarca. As infraestruturas pesan, e pesan moito, e axudan a que unha zona se desenvolva máis e, sobre todo, a loitar contra o despoboamento”. Ademais Gómez Besteiro aludía á importancia da recuperación forestal como “unha das premisas que acompañe a ese novo goberno de España e a un futuro novo goberno de Galicia”.

De seguido, percorrían as instalacións da citada nave de lousa e logo a súa canteira subterránea. Ao redor das 13:15h. achegábanse ata a sede do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras onde eran recibidos polo seu presidente, José Vicente Solarat, e logo visitaban a cooperativa da Rúa. Xa pola tarde, mantiñan reunións cos sindicatos con sede en Valdeorras no Barco e, posteriormente, cos representantes da Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA), da Asociación Galega de Pizarristas e do Barco Centro Comercial Aberto .

A axenda completábase a partires das sete e media da tarde cun acto na sede do PSdeG-PSOE no Barco na que tiña lugar unha presentación dos candidatos deste partido por Ourense ás vindeiras eleccións xerais e unha reunión coa militancia. Nas candidaturas socialistas figuran dúas valdeorresas: Cristina Fernández (suplente número un nas listas ao Congreso) e Ofelia Puente (segunda suplente da número 2 ao Senado).

Fotos: Carlos G. Hervella (agás as dúas últimas imaxes na sede do PSdeG no Barco, que son de Mónica G. Bellver).

Artigos relacionados

Back to top button