Galerías de fotosPolíticaÚltima hora

Os candidatos socialistas piden “un cambio de rumbo” no mítin do Barco

Gómez Besteiro destacaba o “programa profundamente social” que presenta o PSOE nas vindeiras eleccións xerais

“Temos que estar moi atentos e activar a memoria porque estamos nun momento crucial para o noso país: por primeira vez a seguinte xeración vai vivir peor que a actual”, aseguraba Xosé Ramón Gómez Besteiro, secretario xeral do PSdeG-PSOE, no mitin celebrado na tarde do 10 de decembro no Teatro Lauro Olmo do Barco. E ante isto referíase ao programa “profundamente social” que presenta o partido socialista nestas eleccións e no que “ocupan un lugar fundamental a sanidade pública, a educación pública, o sistema de pensións… Imos traballar polo crecemento deste país e por volver outra vez ao concepto de repartir, á igualdade social”.

O seu discurso pechaba un acto no que tamén interviñan a número un da candidatura socialista ao Congreso por Ourense, Rocío de Frutos, quen desgranaba as cuestións principais do programa do seu partido para as vindeiras eleccións xerais do 20 de decembro e lembraba as demandas recollidas na visita realizada hai un mes a Valdeorras para coñecer os seus sectores produtivos e reunirse con empresarios e sindicatos.

Asemade tomaba a palabra o cabeza de lista ao Senado por Ourense do PSOE, Luis Manuel García Mañá, quen aseguraba que a provincia de Ourense “é unha terra abandoada por certos gobernos como o central, o autonómico e o provincial e teñen que vir gobernos socialistas para endereitar ese abandono e esa soidade que”, segundo dicía, “débese a causas como a desigualdade e pobreza á que se nos está retornando aos cidadáns” e “o inmobilismo, xa que non se pode facer política sen diálogo”. Por iso, incidía García Mañá, “necesitamos un cambio de rumbo, temos que coller outro camiño que nos permita darlle á sociedade o tratamento que necesita”.

O capítulo de intervencións completábase co alcalde do Barco, Alfredo García, quen subliñaba que estas son “as eleccións máis importantes e decisivas para este país porque nunca nos xogamos tanto”.

Fotos: Mónica G. Bellver

Artigos relacionados

Back to top button