En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Os cantos de seitura e folións das terras de Manzaneda e Trives, reunidos nun cancioneiro

Esta obra, realizada por Xosé Lois Foxo, vén de presentarse no Consello da Cultura Galega nun acto no que participaban os alcaldes destes dous municipios e veciños que colaboraron como informantes

Ata 300 pezas musicais recompila o “Cancioneiro da seitura de Manzaneda e Terras de Trives”, que vén de presentarse neste luns 22 de xullo no Consello da Cultura Galega. É froito dun traballo realizado por Xosé Lois Foxo, director da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, ao longo de corenta anos de investigación e supón unha extensa compilación e estudo antropolóxico dos cánticos agrarios e festivos desta comarca ourensá.

Esta presentación contaba coa participación do autor, Xosé Lois Foxo, de Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega; de Amable Fernández, alcalde de Manzaneda; de Patricia Domínguez, alcaldesa de Trives; e de Patricia Torres, deputada de Cultura da Deputación ourensá. A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, destacaba na súa intervención a importancia dos cancioneiros na cultura galega aos que se suma esta nova proposta.

 

A presidenta do Consello da Cultura Galega, durante a súa intervención no acto./ Foto: Deputación de Ourense.

Ademais interviñan varios veciños de Manzaneda e da Pobra de Trives que foron informantes do cancioneiro: desde o cantor de seitura máis maior, Aquilino Pérez Prieto, de Bidueira; ao cantor da seitura, e outras cantoras como Digna Pérez e María Jesús Rodríguez. María Rodríguez, neta da cantora máis emblemática da seitura, Luz Divina Pérez Ricoi, recreaba co violín o cántico da seitura.

Os cantos de seitura e os cantos de folións son as músicas máis emblemáticas das terras de Manzaneda e Trives, e teñen unha longa tradición histórica na comarca. O cancioneiro compila trescentas destas pezas musicais, transcritas e editadas, acompañadas dos seus orixinais en audio distribuídos nun lapis dixital que acompaña a publicación.

Fotos: Consello da Cultura Galega.

Artigos relacionados

Back to top button