CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

Os cantos de seitura, novidade do IX Certame celtibérico de bandas de gaitas de Manzaneda

O evento celébrase os días 28 e 29 de xullo en Cabeza de Manzaneda, cun programa que inclúe concertos, obradoiros e exhibicións
A Banda de Gaitas de Manzaneda tocando na anterior edición do certame. /Foto: Carlos G. Hervella.

Os cantos de seitura –melodías populares que se interpretaban para acompañar o labor no rural- , é unha das  novidades que presenta o IX Certame celtibérico de bandas de gaitas, que un ano máis se celebra na estación de montaña de Cabeza de Manzaneda, promovido pola Deputación de Ourense, coa colaboración dos concellos Manzaneda e Trives e OCA Nova Manzaneda.

O evento celébrase os días 28 e 29 de xullo, con actividades que por primeira vez tamén se desenvolven en Pobra de Trives. “Concertos, obradoiros, exhibicións e actividades ao redor do mundo da gaita, para seguir poñendo en valor unha das máis importantes tradicións que temos en Ourense e Galicia: o noso instrumento senlleiro, a gaita, unha aposta pola nosa historia, o rural e a cultura con maiúsculas”, afirma Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación.

No programa deste ano destaca a participación de nenos, mozos e maiores no “Fulión de Manzaneda”, unha exhibición de gaita que se celebrará o domingo 29 de xullo ás 12h. Unha hora antes terán lugar as competicións de bandas de gaitas de 2º grao, coa participación da Escola de Gaitas do Concello do Bolo e agrupacións de Riós, Vilariño de Conso, Xinzo de Limia e Chantada, xunto co grupo Xuntanza de Catalunya Junior e Ladies Band. De seguido, terán lugar os concursos de “bastóns de mando” e de “gaiteiros solistas”, para dar paso ás bandas de 1º grao: Xuntanza de Catalunya e Real Xuvenil. As actividades desta xornada rematarán coa tradicional ofrenda floral a Gabino García, a entrega de premios e a actuación conxunta das bandas participantes.

 

Presentación do IX Certame celtibérico de bandas de gaitas, en Ourense.

 

Previamente ao día grande, o sábado 28 de xullo terá lugar ás 12:30 horas na praza do concello de Pobra de Trives unha mostra de bandas de gaitas, coa actuación das bandas Xuntanza de Catalunya, Real Xuvenil e a Banda do Concello de Trives, e pola tarde, ás 18h. celebrarase o “I Serán da Seitura de Manzaneda” (memorial Ludivina Pérez Ricoi), presentado por Manola Porto e que terá lugar na estación de Manzaneda. As actividades do sábado rematarán coa presentación do “Método de tambor galego”, de Andrés Vilán, e de seguido (ás 20:30h.) celebrarase a “Noite celta”, espectáculo no que actuarán Noriko Ishizuka con Lois Castro, a Real Xuvenil, Isidro Vidal, Óscar Ibáñez con Andrés Vilán, e as Cantareiras da Real Banda. Ao remate haberá unha queimada oficiada polo “druída” Gwynvid.

Ademais de Xosé Lois Foxo, director da Escola Provincial de Gaitas da Deputación de Ourense e creador deste certame hai 33 anos e Rosendo, no acto de presentación do certame, celebrado na mañá do 19 de xullo participaron tamén o alcalde de Manzaneda, Félix Domínguez, quen agradeceu ás institucións e entidades “o apoio a as sinerxias que permiten a este certame seguir crecendo”; a xefa territorial de Cultura, Luz Fernández; e o director de OCA Nova Manzaneda, Gustavo Samartín.

Artigos relacionados

Back to top button