CulturaCulturaGalerías de fotosMúsicaÚltima hora

Os cantos de taberna conquistan Trives

Esta singular iniciativa, organizada pola Asociación A Caniceira, resultou de novo un éxito na súa segunda edición

Na praza do Pilón comezaba na tardiña do 29 de novembro un percorrido musical e festivo polos trece bares triveses. Neste punto reuníanse os 70 músicos que participaban na segunda edición dos Cantos de Taberna de Trives, unha iniciativa promovida pola Asociación Cultural A Caniceira. Formaban un total de seis grupos de Trives e de Manzaneda: @s Maciz@s Centrais, a Rondalla Esmorga, Os Espontáneos, San Nordés, Os Veciños e Manzaneda Banda.

A partir da praza do Pilón, cada un deles, guiados por un membro da organización, comezaba un percorrido polos locais de hostalaría da vila. En cada ían facendo paradas, tocaban e bailaban e, como agasallo, recibían bebida e pinchos. “Tamén nos comentaba a xente que había moi bo ambiente nas rúas debido a que os grupos ademais de cantar nos bares fumos montando festa polas rúas cando cambiabamos dun local a outro, de tal xeito que nas rúas se cruzaba a música…e todos aplaudindo a todos. Esa parte foi moi bonita”, sinalan dende a organización.

E así, de bar en bar, ata completar o circuíto e reunirse de novo todos na praza do Reloxio rozando a medianoite. Alí tocando varias pezas xuntos remataba esta nova edición que resultaba todo un éxito de participación e público. Tanto é así, que a organización xa pensando en organizar a vindeira edición. Dende A Caniceira agradeceuse a colaboración dos bares triveses e tamén dos grupos que actuaron.

Texto: A.R.
Fotos: Carlos G. Hervella/ Meghan Guilfoyle
Máis información na edición en papel do Periódico O Sil

Artigos relacionados

Back to top button