SanidadeÚltima hora

Os casos atendidos na provincia como sospeitosos de coronavirus deron resultados negativos

Dende o Sergas danse unha serie de recomendacións para previr e limitar contaxios

Exterior do Hospital Universitario de Ourense./ Foto: Carlos Asensio.

 

Na provincia de Ourense activábase o protocolo por coronavirus tras detectarse varios posibles casos. Sen embargo, dende a Consellería de Sanidade vén de informarse a través dun comunicado de que “ata o momento os casos atendidos como sospeitosos de infección por COVID-19 na Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras teñen resultado negativos”.

Tamén se indica dende o Sergas que “a información sobre casos confirmados centralízase na Consellería de Sanidade, en coordinación continúa co Ministerio de Sanidade, tanto nas medidas de actuación como de adaptación dos protocolos, en todo o Sistema Nacional de Saúde, en función da evolución do escenario e as necesidades”.

E matízase que o “manexo de casos sospeitosos ten sido amplamente difundido entre os profesionais e as instrucións están dispoñibles e actualizadas na intranet da nosa Área Sanitaria. Ademais, tanto a información para a poboación como para profesionais está dispoñible na páxina web do Sergas e do Ministerio de Sanidade”.

Dende o Sergas en Ourense tamén achegan unha serie de recomendacións sobre prevención e limitación de contaxios. En liñas xeráis, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do vírus, comúns a calquera infección respiratoria, como a gripe:

– Extremar a hixiene de mans e lavalas frecuentemente (especialmente despois de tusir ou soarse)
– Cubrir nariz e boca cun pano (preferentemente desbotable) ao tusir ou esbirrar ou, se non se dispón de pano, cubrirse coa cara interna do cóbado.
– Evitar tocarse os ollos, a nariz e a boca coas mans.
– Manterse alonxado, entre un ou dous metros, das persoas con síntomas respiratorios, como tos, esbirros, que se están soando, etc. e aplicarse a un mesmo esta norma.

“As medidas adoptadas polas institucións sanitarias teñen por obxectivo limitar, na medida do posible, o número de casos, reducindo así os riscos de contaxio da poboación mais susceptible de sufrir efectos mais graves na súa saúde, como ancians, enfermos crónicos ou persoas inmunodeprimidas. Ante todo, manter a calma e, en caso de síntomas de afección respiratoria (tos, febre, etc.) poñerse en contacto co 061 que indicará cómo proceder. Unha vez atendido, indicaranlle que é máis aconsellable en función do protocolo establecido e do seu estado de saúde”, segundo Sanidade.

 

Artigos relacionados

Back to top button