SanidadeÚltima hora

Os casos de coronavirus en Galicia elévanse a 285, 32 na área sanitaria de Ourense

Do total de pacientes positivos, 9 permanecen en UCI, 52 están en unidades de hospitalización e 224 no domicilio, segundo a Consellería de Sanidade

Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.

 

O número de positivos por coronavirus na comunidade galega ascende a 285, segundo a última actualización realizada na mañá do 17 de marzo. Así, segundo informa a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, dese global de casos: 84 son da área da Coruña, 26 da de Lugo, 32 da de Ourense, 37 da de Pontevedra, 49 da área de Vigo, 50 da de Santiago, e 7 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 9 permanecen en UCI, 52 están en unidades de hospitalización e 224 no domicilio. Polo de agora en Galicia, rexistráronse 4 altas de pacientes e 3 falecementos, segundo Sanidade. Ademais o número de PCR realizadas é de 2.099.

 

O uso do 061

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía unha páxina web (https://coronavirus.sergas.gal), na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116. Neste número, pódense resolver todas as dúbidas dos cidadáns ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade insisten en reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, “aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do vírus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans”.

Artigos relacionados

Back to top button