SanidadeÚltima hora

Os casos infectados por coronavirus ascenden a 444 en Galicia, 46 na área de Ourense

A quinta vítima é un varón de 75 anos, con patoloxías previas, que estaba ingresado no CHUAC

Exterior do Hospital Universitario de Ourense./ Foto: Carlos Asensio.

O número de casos de coronavirus aumenta un día máis. Segundo a información actualizada nesta mañá de 19 de marzo dende a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, son xa 444 os positivos en Galicia. Deles, 136 son da área da Coruña, 36 da de Lugo, 46 da de Ourense, 59 da de Pontevedra, 84 da área de Vigo, 68 da de Santiago, e 15 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 15 permanecen en UCI, 99 están en unidades de hospitalización e 330 no domicilio. Polo de agora, en Galicia rexistráronse 4 altas de pacientes e 5 falecementos.

Tamén o número de falecidos segue aumentando. O último foi un varón de 75 anos, con patoloxías crónicas previas, que estaba ingresado no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.

Con respecto aos datos a nivel nacional, segundo a última actualización, o número de positivos ascende a 17.147, dos cales 939 permanecen na UCI. En 24 horas os contaxiados aumentaron nun 25%. A cifra de falecidos é de 767 e a de altas de 1.107.

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía unha páxina web (https://coronavirus.sergas.gal), na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Recomendacións

 

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do vírus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

Artigos relacionados

Back to top button