En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Os catadores da “Guía Peñín” valoran os viños de Valdeorras e da Ribeira Sacra

Dos brancos valdeorreses, que consideran o “gran valor desta D.O.”, destacaban o seu equilibrio e expresividade

En Valdeorras comezaba na mañá do 5 de xuño o percorrido que dous dos membros do equipo de cata da “Guía Peñín” realizan polas denominacións de orixe galegas para valorar os viños que están saíndo ao mercado neste ano. Javier Luengo e Alberto Ruffoni cataban na sede do consello regulador valdeorrés, en Vilamartín, preto de cen referencias. “Curiosamente, a diferenza doutros anos, foron máis tintos que brancos”, comenta Javier Luengo.

Tras finalizar a cata, na que había viños de diferentes añadas, Luengo apuntaba que, “malia que a do 2017 foi unha colleita bastante complicada e cunha caída da produción da orde dun 30% en Valdeorras, vimos que os brancos, que para nós é o gran valor deste D.O., estaban equilibrados, sen embargo noutras zonas colindantes non notamos ese mesmo equilibrio”. Destaca ademais que os brancos do 2017 “son moi expresivos e a impresión é moi positiva. Sen embargo, nos tintos si encontramos eses desequilibrios que presupoñíamos que ía haber nunha colleita complicada”.

Xa pola tarde, os catadores desprazábanse ata á D.O. Ribeira Sacra, e na sede do seu consello regulador, en Monforte, cataban un total de 75 viños, resaltanto tamén a expresividade dos seus brancos. “Esta colleita vese madura e aquí vén ben porque dominan eses matices balsámicos pasando das herbas verdes un pouco húmidas a uns balsámicos máis agradables”.

En ambas denominacións resaltaban o labor de viticultores e adegueiros. O seu periplo polas DD.OO. galegas continúa hoxe nas Rías Baixas e mañá, 7 de xuño, visitarán a D.O. Ribeiro. As súas conclusións e valoracións aparecerán na “Guía Peñín 2019”, que se lanzará ao mercado no mes de otubro en formato papel. Para elaborarala catarán máis de 11.400 viños españois. Antes, as puntuacións aparecerán no formato online da guía.

Na galería de imaxes superior, Javier Luengo e Alberto Ruffoni, na D.O. Valdeorras. Fotos: Carlos G. Hervella.

Viños catados na D.O. Ribeira Sacra./ Foto: CRDO Ribeira Sacra.
Os membros do equipo de cata da “Guía Peñín”, na D.O. Ribeira Sacra./ Foto: CRDO Ribeira Sacra.

Artigos relacionados

Back to top button