CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Os cativos aprenden a usar correctamente o número de emerxercias (112) cos Bolechas

Esta actividade forma parte do programa de divulgación posto en marcha pola Axega que inclúe material didáctico, un audiovisual e unha páxina web con multitude de propostas lúdicas e formativas

Os Bolechas celebran este ano o 20 aniversario.

 

Un grupo de nenos do CRA de Monterrei e o alumnado de 4º, 5º e 6º de Primaria do CEIP O Castiñeiro de Laza, recibían na mañá deste venres 2 de outubro a visita dos Bolechas (que este ano celebran o 20 aniverssrio), que levaron ás aulas unha nova proposta do programa de divulgación da Axencia Galega de Emerxencias sobre o uso responsable do número único europeo 112.

A través de representacións teatrais, material audiovisual e obradoiros, Loli Bolechas explicou cando se debe chamar ao 112 e os datos que hai que facilitar aos xestores de emerxencias para ter unha resposta axeitada en cada caso. As nenas e nenos puideron ver tamén un vídeo no que Braulio Bolechas amosa como funciona o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia (CIAE112 Galicia) onde se reciben e xestionan todas as chamadas de emerxencias que se producen na comunidade autónoma galega. Tras a proxección o alumnado participou nun obradoiro destinado a afondar nos coñecementos adquiridos e aclarar posibles dúbidas, facendo especial fincapé na importancia de facer un bo uso do número de emerxencias 112. Unha mensaxe que poderán ampliar co material didáctico sobre o 112 recibido ao final da actividade.

Esta proposta enmárcase nun programa didáctico destinado á poboación infantil que a Axega puxo en marcha hai uns meses co fin de “concienciar desde as primeiras idades na importancia que ten o bo uso do número 112”. Para iso, ademais do audiovisual, publicouse un libro dos Bolechas no que, a través dunha divertida aventura, se explica como funciona o servizo de emerxencias en Galicia, como traballa o persoal, como se coordinan todos os servizos etc. A todo isto súmase unha páxina web específica, https://osbolechas.gal/112, con máis información e consellos, pero tamén con divertidos xogos e actividades que facilitarán a aprendizaxe dos máis pequenos e porán a proba os coñecementos adquiridos.

En total, un cento de centros educativos recibirán ao longo deste mes de outubro a visita de diferentes personaxes Bolechas.

Artigos relacionados

Back to top button