PolíticaÚltima hora

Os catro candidatos ás Primarias do PSOE de Ourense xa presentaron os avais

O primeiro en facelo foi Álvaro Vila, seguido de Noela Blanco, Álvaro Rodríguez Villarino e pechou Pachi Vázquez
Avais de Álvaro Vila.

Os catro candidatos á secretaría provincial do PSdeG-PSOE de Ourense xa entregaron os seus avais para presentárense ás primarias. O primeiro en facelo foi Álvaro Vila Araújo, que os entregou o pasado martes, 28 de novembro, na sede provincial na rúa Ribeira de Canedo de Ourense. Vila Araújo reitera na súa candidatura que están “moi satisfeitos da resposta dos compañeiros”. Asegurou que “se achegaron a nós compañeiros que en principio non contaba co seu apoio”.

Noela Blanco presentado os seus avais.

A segunda foi a deputada Noela Blanco. Foi onte, 30 de novembro, cara ás seis da tarde cando se personou na sede. A socialista chamou á “mobilización total” da militancia para “abrir unha etapa radicalmente nova”. Para Blanco só hai dúas vías: “a do continuísmo ou a da valentía para pasar páxina, que representa o meu proxecto”, dixo.

Díaz Villarino coa carpeta que contén os seus avais.

Na xornada de hoxe, 1 de decembro, foi Álvaro Rodríguez Villarino o primeiro en personarse en Ribeira de Canedo. Concretamente ás 11:00 horas e asegurando que “o cambio xa está en marcha”. Villarino amosouse optimista ao afirmar que “impulsamos unha onda imparable de ilusión, unha forza que non se lembra nos últimos tempos do partido e grazas a ela conquistaremos a vitoria”. Para Villarino chega un cambio “crible e forte”.

Foi Pachi Vázquez o encargado de pechar este ciclo de avais na sede provincial. O candidato dixo estar sorprendido “polo apoio recibido por parte da militancia das comarcas”. De feito asegurou que o seu número de avais “multiplica por nove o número esixido”. “Isto axúdanos a crear unha alternativa sólida ao Partido Popular”, dixo. Para Vázquez esta candidatura “ten que traducirse nun proxecto que permita recuperar a alcaldía de Ourense”. Tamén se referiu ás agrupacións pequenas como “as que loitan día a día por defender as ideas socialistas”.

Pachi Vázquez na presentación dos seus avais.

Artigos relacionados

Back to top button