CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Os CEIP Condesa de Fenosa do Barco e Manuel Bermúdez Couso de Trives, no programa “Biblioteca Creativa”

O obxectivo da iniciativa é "impulsar, desde a biblioteca escolar, un espazo creativo de aprendizaxes no que o alumnado poida experimentar e investigar con todo tipo de recursos"

CEIP Plurilingüe Condesa de Fenosa do Baro de Valdeorras. /Foto: Mónica G. Bellver.

 

Un total de 11 centros educativos da provincia de Ourense entre eles os CEIP Plurilingües Condesa de Fenosa do Barco de Valdeorras e Manuel Bermúdez Couso da Pobra de Trives, participan neste curso 2020/2021 no programa Biblioteca Creativa da Xunta que ten por obxectivo “impulsar, desde a biblioteca escolar, un espazo creativo de aprendizaxes no que o alumnado poida experimentar e investigar con todo tipo de recursos”; e para o cal Cultura aporta os recursos necesarios.

Esta iniciativa, integrada no Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares (PLAMBE), busca estimular a iniciación do alumnado de Infantil e Primaria no campo da robótica e na linguaxe de programación a través de actividades manipulativas e outras, programadas desde a biblioteca escolar, mediante a utilización de pequenos robots, os Escornabots, deseñados dentro dun proxecto de hardware libre, cunha evolución aberta á comunidade. A través disto búscase ampliar as linguaxes presentes na biblioteca, promover a expresión oral, a alfabetización múltiple, o razoamento lóxico, a aprendizaxe manipulativa, o xogo, a investigación e o traballo colaborativo de profesorado e alumnado.

Na provincia hai dous centros de nova incorporación que reciben directamente os materiais para montar os Escornabots que se incorporan á biblioteca. O resto, que renova a continuidade (é o caso do colexio do Barco e do de Trives), reciben unha asignación para ampliar o proxecto, ben sexa coa dotación dun recuncho creativo dentro da biblioteca con recursos de robótica e impresión 3D; coa adquisición de materiais que faciliten a investigación, a experimentación e a creación de forma creativa, ou a través da formación do alumnado a través de obradoiros relacionados coa creación audiovisual ou outros ámbitos relacionados co programa impartidos por profesionais do eido.

No caso dos centros con un ano de antigüidade no programa, a asignación vai destinada á adquisición dos medios necesarios para introducir a impresión 3D no recuncho creativo da biblioteca escolar. Pola súa parte, para os centros con dous anos de presenza no programa, a asignación destínase á adquisición de materiais que faciliten a investigación, a experimentación e a creación de forma colaborativa, configurando un ‘espazo creativo’ diverso e axeitado aos intereses da comunidade educativa e ás finalidades do centro; mentres que os centros con tres anos de presenza en Biblioteca Creativa deberán destinar a asignación que reciban da Consellería á formación do alumnado coa realización no propio centro, de obradoiros relacionados coa creación audiovisual ou de calquera outro ámbito presente no ‘espazo creativo’, a experimentación, a robótica, a programación etc., impartidos por profesionais ou persoas experimentadas en cada ámbito. Estes obradoiros poderán ter formato presencial, se as circunstancias sanitarias así o permiten, ou telemático.

No caso dos centros con catro anos de presenza no programa, a asignación deberá destinarse á formación do alumnado coa realización no propio centro de obradoiros e actividades relacionados cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable da Axenda 2030; actividades que deberán ter como referencia o “espazo creativo” da biblioteca.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button