EconomíaEconomíaÚltima hora

Os centros comerciais abertos da provincia de Ourense acceden a axudas para a comercialización en liña de produtos

Cada entidade pode obter apoios de ata 40.000 euros, para esta e outras actuacións, en función do número de comercios asociados e a poboación da localidade na que estean situados

 

Ao abeiro dos programas de apoio ás asociacións de comerciantes para a dinamización dos centros comerciais abertos (CCAs) e prazas de abastos, e do destinado ás asociacións de comerciantes de ámbito superior ao municipal ou federacións,  este ano resultaron beneficiados na provincia ourensá oito CCAs, unha asociación de praceiros e unha federación cunha achega de preto de 312.000 euros.

O Diario Oficial de Galicia publicou recentemente ambas as resolucións da Consellería de Economía, Emprego e Industria e a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira informaba aos representantes do comercio na reunión mantida na mañá do 17 de outubro na cidade das Burgas.

Díaz Mouteira explicou que o obxectivo é “reforzar o papel destas asociacións na dinamización do comercio na actividade das vilas e cidades galegas a través de iniciativas que permiten atraer clientela e mellorar os servizos que se ofrecen aos consumidores”. Así, indicou que estas axudas permitirán realizar diferentes campañas de dinamización comercial, incorporar sistemas de fidelización, realizar melloras na sinalización comercial externa, así como financiar a unidade xerencial que inclúe os gastos de persoal e de oficina.

Como novidade, entre as actuacións apoiadas inclúese a creación de sinerxías e oportunidades dixitais a través do asociacionismo, con axudas para a posta en marcha de solucións dixitais para a venda e promoción de produtos dos comercios asociados e mellora e modernización da imaxe do centro comercial aberto, a implantación e mellora do portal web do CCA ou márketing dixital. “Cada entidade pode obter apoios de ata 40.000 euros, en función do número de comercios asociados e a poboación da localidade na que estean situados”, asegura a delegada.

Súmase a este programa por primeira vez a Asociación de Comerciantes de Celanova que, xunto cos centros comerciais abertos de O Barco de Valdeorras, Verín, Ribadavia, Carballiño e os tres da capital (Ourense Centro, Ourense Norte e Couto Centro), reciben un total de 275.069 euros.    

En canto á liña dirixida a asociacións de ámbito superior ao municipal ou federacións para o impulso do comercio de proximidade e a incentivación do consumo a través do tícket de dinamización comercial, na provincia de Ourense foi beneficiaria a Federación de Comercio de Ourense que recibiu unha axuda de máis de 27.000 euros.

Artigos relacionados

Back to top button