En portadaÚltima hora

Os Centros de Saúde do Barco, Trives e Viana, entre os 20 puntos de vacinación contra o Covid para os maiores de 80 anos da provincia

Neste mércores iniciábase a citación deste sector da poboación. Comezarase pola letra "H", letra elixida por sorteo ante notario na Consellería de Sanidade a pasada semana, e seguirán a orde alfabética

 

Neste 17 de febreiro veñen de iniciarse as citacións aos maiores de 80 anos para iniciar na vindeira semana a súa vacinación fronte ao Covid-19. Tal e como anunciaba o pasado luns en rolda de prensa o presidente da Xunta, Alberto Núñez, comezarase pola letra “H”, letra elixida por sorteo ante notario na Consellería de Sanidade a pasada semana, e seguirán a orde alfabética, ata completar a citación deste importante sector de poboación.

Así o equipo de citación especial para a vacinación fronte a Covid19, que ven de poñerse en marcha na Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, iniciou o chamamento dos 32.626 ourensáns  de mais de 80 anos, para vacinalos a partir do próximo luns, día 22, simultaneamente nos 20 centros de saúde que acollerán esta campaña en toda a provincia.

Con anterioridade ao día da cita de vacinación, o primeiro contacto cos usuarios será realizado telefonicamente polo equipo de citación especial, formado en Ourense por dez profesionais e un coordinador, todos eles administrativos de Atención Primaria. Unha vez fixada a data, as listaxes de usuarios e usuarias citadas estarán a disposición do persoal médico e de enfermaría do seu centro de saúde de orixe, así como do persoal de administración e servizos (PSX), que serán os que reconfirmen as citas diarias, nunha segunda chamada, co obxectivo de lembrar esta e axustar ao máximo as doses a dispensar.

“A vacinación desde colectivo de risco, na nosa provincia, suporá un reto organizativo e loxístico, tanto pola súa dispersión como volume, xa que supón o 12% da poboación de Ourense, 36.529 persoas. Delas, preto do 10%, 3.903 viven en residencias, polo que xa están vacinadas, coas dúas doses, experiencia que permite abordar esta nova fase con seguridade e optimismo”, aseguran dende a área ourensá.

 

 

Vinte puntos de vacinación en Ourense, entres eles os do Barco, Viana e Trives

A vacinación terá lugar nos Servizos de Atención Primaria, incluíndo os seis centros de saúde da cidade e ás cabeceiras de comarca. En concreto, nos Centros de Saúde de Allariz, Bande, O Carballiño, Castro Caldelas, Celanova, Coles, Maceda, O Barco de Valdeorras, Pobra de Trives, Ribadavia, Verín, Viana do Bolo, Xinzo de Limia, Valle Inclán, A Ponte, A Cuña-Mariñamansa, Novoa Santos, O Couto, A Carballeira e A Valenzá (Barbadás).

A campaña de vacinación será levada a cabo polos 11 equipos especiais de vacinación, formados por 22 enfermeiras de Atención Primaria, que xa fixeron fronte a vacinación do mais dun centenar de residencias sociosanitarias e do persoal dos centros de atención primaria e dos tres hospitais, que continuará esta semana.

Segundo as previsións de vacinación por servizos de Atención Primaria, o de Verín será o que conte con maior volume de citacións: 3.150, seguido do de O Carballiño, con 2.968; Valle Inclán 2.881; Xinzo de Limia 2.547; Celanova 2.523; A Ponte 2.437; Novoa Santos 2.395, O Barco de Valdeorras 2.117; A Cuña 2.079; Ribadavia 1.893; A Carballeira 1.787; Coles 1.488; Maceda 1.009; Bande 930; Allariz 926; Viana do Bolo 573; Castro Caldelas 481; e Pobra de Trives 442. (A Valenzá e O Couto están incluídos nos servizos de A Carballeira e Novoa Santos)

Para a organización do operativo seguiranse as instrucións do “Plan Galego de vacinación Fronte ao SARS-CoV-2” da Dirección Xeral de Saúde Pública, así como da Estratexia de vacinación do Ministerio de Sanidade, xa que dada a limitación actual do número de vacinas, é preciso organizar esta tendo en conta a dispoñibilidade limitada cada semana. Para o inicio da vacinación dos maiores de 80, a Área Sanitaria de Ourense disporá a vindeira semana de 4.400 doses da vacina de Pfizer.

 

Artigos relacionados

Back to top button