SanidadeÚltima hora

Os centros de saúde e hospitais ourensáns prepáranse para atender á gripe

A EOXI ourensá elaborou un plano de actuación que recolle as accións e recursos a mobilizar en función dos diferentes escenarios da epidemia

Exterior do Centro de Saúde do Barco./ Foto: O SIL.

 

Moi transmisible e con graves complicacións nas persoas de idade avanzada ou saúde fráxil. Así é a enfermidade da gripe que, anualmente, causa en Ourense centos de ingresos hospitalarios, multiplicando as consultas nos centros de saúde, servizos de Urxencias e Puntos de Atención Continuada (PAC), en paralelo ao avance da epidemia.

Co obxectivo de dar unha “resposta efectiva a este esperado aumento das necesidades asistenciais”, a Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras vén de elaborar un plano de actuación, que recolle as accións e recursos a mobilizar en función dos diferentes escenarios da epidemia, tal e como sinalaban os seus responsables nunha rolda de prensa celebrada nesta mañá de 4 de outubro en Ourense.

Con este plan coordínase a actuación, dos distintos centros e servizos, para facer fronte ao esperado aumento da frecuentación de pacientes, nos Centros de Saúde, os PACs e os servizos de Urxencias hospitalarios, así como o incremento de ingresos. “No caso de Ourense, a incidencia desta epidemia estacional é especialmente significativa tendo en conta o envellecemento da poboación, con maior risco de complicacións, en pacientes con procesos previos, e descompensacións en pacientes crónicos”, segundo a EOXI ourensá.

O plano foi elaborado tendo en conta tamén a experiencia e os resultados de anos anteriores e, na súa redacción, participaron responsables médicos e de enfermería de Atención Primaria e dos tres hospitais da provincia. Igualmente, foi sometido a consulta das áreas de xestión económica, servizos xerais e recursos humanos.

Está previsto que unha comisión de seguimento coordine as medidas a tomar e se reforce cos distintos grupos de traballo multidisciplinares existentes, como os de estudo da cronicidade e paciente fráxil, contando, en cada momento, cos profesionais e responsables dos distintos servizos de atención primaria e coordinadores dos PAC.

O plan contempla tres aspectos clave: prevención, vixianza e medidas operativas. Na presentación do plano, o director de procesos asistenciais, Javier Puente, destacou por riba delas a vacinación, “o método mais efectivo para limitar a incidencia de casos e os custes en vidas, deterioro da saúde, problemas sociais, laborais e de sobrecarga do sistema sanitario público durante a epidemia”. Nese senso, reiterou a importancia de achegar a vacina a poboación mais vulnerable, incluída entre os grupos de risco aos que se lle aconsella a vacinación de gripe.

Ademais, o director de procesos, subliñou que a protección de toda poboación pasa por asegurar a saúde dos que a coidan, especialmente ante a expectativa dun periodo con maior necesidade de coidados, como durante a epidemia. Por elo, animou aos profesionais sanitarios á protexerse vacinándose, unha vacina segura e de eficacia demostrada, clave tamén para evitar trasmitir este virus aos seus pacientes e ás súas propias familias, dada a súa maior exposición laboral.

 

Artigos relacionados

Back to top button