OurenseÚltima hora

Os “Chefs saudables” reciben os seus premios

A Delegación Territorial da Xunta en Ourense acolleu esta entrega de premios que está dentro do programa “Por unha mocidade saudable”
O acto tivo lugar na Delegación da Xunta en Ourense.

A Delegación Territorial da Xunta en Ourense acolleu hoxe, 6 de xuño, a entrega dos premios do concurso “Chefs saudables”, incluído dentro do programa “Por unha mocidade saudable” organizado pola Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade e que se desenvolveu este curso en 32 centros educativos da provincia, coa fin de lograr concienciar ao alumnado da importancia dunha alimentación saudable.

Nesta actividade participaron 2.700 alumnos de Educación Infantil e Primaria e constou de tres obradoiros diferentes, segundo a idade dos escolares. Coa súa realización, a Xunta busca “achegarlles aos escolares a información necesaria para o seu coñecemento dos nutrientes que deben incluír na súa dieta diaria e conciencialos na importancia de levar hábitos de vida axeitados, especialmente no referente á alimentación, na procura de axudar a xerar costumes e actitudes saudables que contribúan ao seu crecemento”, informaron dende a Xefatura Territorial da Xunta.

Foto de grupo dos participantes.

Este programa ofertou aos centros participantes a realización dunha avaliación enerxética dos seus menús escolares, que deben incluír un mínimo de racións de froita fresca, racións de verdura, racións de legumes e racións de peixe para a semana, así como un máximo de pratos precociñados semanais.

A actividade tamén incluíu o concurso “Chefs saudables” no que os grupos tiveron que deseñar e elaborar unha receita propia, cun menú saudable, de acordo cos coñecementos adquiridos. En total presentáronse 26 receitas, das que catro resultaron gañadoras. O primeiro premios recaeu na receita de salmón en papillote gornecido con patacas e corazóns de leituga primaverais, obra do CEIP Eulogio Gómez Franqueira de San Amaro., mentres que os tres accésits recoñeceron o menú elaborado polo CEIP Virxe Pena da Sela, do Irixo, que inclúe aguacates recheos de atún, bocados de pavo e mazá e sorbete de sandía; os xeados saudables preparados polo CEIP Sarreaus; e a Flor de primavera elaborada polo CEIP Mariñamansa da cidade.

A delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz Mouteira, felicitou aos participantes neste programa e aos gañadores do concurso e subliñou a necesidade de organizar actividades deste tipo para fomentar unha alimentación saudable entre a poboación máis nova. “E máis, tendo en conta as cifras que reflicte o plan galego de prevención da obesidade infantil, Xermola, e que indican que no ano 2013 o 8% dos nenos galegos de 6 a 9 anos son obesos e o 25% deles sofren sobrepeso”, indicou Díaz Mouteira. Así, co desenvolvemento deste programa a Xunta pretende sensibilizar e educar na alimentación saudable e axeitada para diminuír a prevalencia de obesidade nos rapaces ourensáns.

O acto contou coa presenza do subdirector xeral de Programas de Fomento de Estilos de Vida Saudable, Jorge Suanzes, e das xefas territoriais de Sanidade e Educación, María Villar e Luz Fernández respectivamente.

Os premios consistiron nunha visita ao Parlamento de Galicia e ao Centro Superior de Hostalería de Galicia; ademais da asistencia a unha xornada lúdico cultural ao complexo de Monterrei.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button