A sede desta entidade transfronteiriza acollía a sinatura dun acordo para entrar neste programa da provincia de Ourense
No programa “Termalismo Saudable” deste ano poderán adscribirse, como novidade, os residentes no territorio da Eurocidade Chaves-Verín, e deste modo permitirase o acceso ao programa a todos os cidadáns non só de Verín senón tamén de Chaves, cos mesmos beneficios e descontos que o resto dos residentes na provincia de Ourense.
Isto será posible grazas a un convenio de cooperación no ámbito de termalismo entre a Eurocidade e a Deputación de Ourense. Este acordo asinábase na mañá do 6 de xaneiro nun acto celebrabado na sede da Eurocidade en Verín e no que participaban o director da Agrupación Europea de Cooperación Territorial e alcalde de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán, e o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar Blanco. A sinatura deste protocolo tamén asistía o vereador flaviense Paulo Alves.
“Termalismo Saudable 2015” é unha iniciativa que promove e desenvolve a Deputación de Ourense co obxectivo de dar a coñecer o termalismo e o potencial que este recurso de ocio e saúde ten na provincia. Este programa forma parte do plan “Ourense, provincia termal”, realizado conxuntamente coa Xunta de Galicia, coa finalidade de revalorizar a riqueza termal e impulsar un dos sectores económicos estratéxicos do territorio.“Conscientes de que o turismo termal é un dos baluartes do noso territorio, o Plan Termal de Ourense constitúe para nós unha axuda e folla de ruta para o noso termalismo nos próximos anos”, subliñaba Juan Manuel Jiménez.
Para o presidente da Deputación de Ourense, a igualdade de trato entre os cidadáns empadroados en calquera municipio de Ourense e os cidadáns residentes en Chaves-Verín, que recolle o Programa de Termalismo Saudable, é coherente coa asunción do concepto das Agrupacións Europeas de Cooperación Territorial, “unha identidade xurídica que facilita o recoñecemento da nova dimensión transfronteiriza para aproveitar as oportunidades que esta situación de privilexio xeográfico concede aos residentes de ámbolos dous lados da fronteira”.
O programa deste ano contempla estancias balnearias financiadas nos balnearios da provincia de Ourense de 6 días de duración (5 noites) de luns a sábado (en réxime de habitación dobre compartida, que inclúe pensión completa, dez técnicas balnearias, revisión médica dos beneficiarios á súa chegada e programa de animación social).
Unha segunda modalidade de estancia inclúe viaxe en tren: neste programa, ademais do acceso á subvención como no anterior, aos/ás beneficiarios/as facilitaráselles a obtención dos billetes de tren (ida e volta) dende algunha das “Estacións Termais” que participan no programa, recollidas no convenio subscrito entre Deputación de Ourense e Renfe e, se é o caso, as súas addendas ata a estación de Ourense. Pola súa banda, os balnearios proporcionan servizos como traslados (ida e volta) dende a estación de Ourense ata os balnearios seleccionados e rutas culturais.