CulturaCulturaÚltima hora

Os cidadáns de Vilamarín serán os encargados de abrir as “Noites Teatrais” cunha comedia

Esta cita co teatro galego cumpre o seu trixésimo aniversario e o fan engadindo un día máis ao seu calendario que xunta compañías galegas de calidade
Amador Vázquez, Rosendo Fernández e Marcos Vázquez. 

Vilamarín vaise converter, por trixésima vez, na capital do teatro de Galicia do 10 ao 14 de xullo. As “Noites Teatreiras de Vilamarín” é unha cita xa consolidada da axenda teatral galega e, para celebrar estes 30 anos ininterrompidos de dramaturxia, este ano amplían un día máis a súa programación. Asemade, tamén como novidade nesta edición, os encargados de abrir estas Noites Teatrais serán os propios cidadáns de Vilamarín, así o anunciou hoxe, 5 de xullo, o alcalde da vila, Amador Vázquez, na presentación que tivo lugar no Pazo Provincial. Nesta presentación tamén estivo o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, que cualificou esta cita como “o referente do verán teatral de Ourense e de Galicia”.

O rexedor amosouse entusiasmado coa incorporación deste Grupo de Teatro de Vilamarín, “un grupo composto por xente de todas as clases e que estou seguro que vai facer rir moito ao público”, asegurou. Esta agrupación representará a obra “Melocotón en Almíbar”, unha comedia na que unha familia falsa ten que estar de incógnito nun piso pero co compoñente de que hai “unha caseira lerchana, unhas monxas que fan preguntas de difícil resposta e unha calor infernal”. O alcalde tamén contou que “hai moitas compañías doutros puntos de España que nos chaman para participar, pero o noso obxectivo é darlle pulo ao teatro galego”

O encargado de debullar o programa foi o coordinador do evento, Marcos Vázquez, que aproveitou a ocasión para salientar a calidade das compañías que compoñen o cartel. Así, para o martes 11 de xullo, a compañía “Sarabela” e a Aula de Teatro Universitario “Maricastaña” de Ourense traerán a exitosa obra que clausurou a MITEU, “A Última Cornixa do Mundo”. Tras eles, os ferroláns “Teatro do Morcego” traerán a farsa “Os vellos non deben de namorarse”, dun dos autores galegos por excelencia, Castelao. Para o xoves día 13 de xullo, “Malasombra Producións”, procedentes da Estrada, interpretarán a comedia “O caso é ter saúde” e o pano destas Noites Teatrais de Vilamarín pecharase o venres 14 de xullo con “O tolleito de Inishmaan”, de Contrapuducións (Vedra- A Coruña).

Todas as obras van estar interpretadas no Auditorio Municipal de Vilamarín e todas comezarán ás 22:3o0 horas. As entradas son de balde até completar o aforo “polo que é recomendable que a xente que queira estar sentada deberá ir un pouco antes”, asegurou o rexedor, Amador Vázquez.

Texto: Carlos Asensio.

 

Artigos relacionados

Back to top button