DeportesÚltima hora

Os clubs faranse cargo do deporte base no Barco de Valdeorras

A piques de saír as bases das Escolas Deportivas Municipais para o curso 2016/2017
O alcalde do Barco Alfredo García e o concelleiro de Deportes Aurentino Alonso. /Foto: Mónica G. Bellver.
O alcalde do Barco Alfredo García e o concelleiro de Deportes Aurentino Alonso. /Foto: Mónica G. Bellver.

Ata vintecinco escolas deportivas teñen programadas dende o Concello do Barco de Valdeorras para a vindeira tempada que arrancará no mes de outubro e que presentan unha importante novidade: nesta ocasión serán os propios clubs do concello os que se encarguen do deporte base, cada un na súa especialidade, recibindo unha aportación económica municipal en función do número de inscritos que teñan. “Centralizaremos as inscricións na Concellería de Deportes e Xuventude e asinaremos un convenio con cada club para aportarlles a partida económica correspondiente. As Escolas Deportivas do Concello quedarán para os adultos e para aquelas modalidades que non conten con club, chegando a ofertar máis de mil prazas en total”. Así o explicaba o concelleiro de Deportes, Aurentino Alonso na presentación da programación deportiva deste ano 2016, que tiña lugar na tarde do 6 de xuño na praza Andrés de Prada.

Dende andainas ata carreiras en bicicleta, pasando por torneos de baloncesto, xornadas de orientación ou campus de fútbol, ata probas de tiro con arco, natación e pádel. De aquí ata decembro, O Barco de Valdeorras acollerá un sinfín de actividades deportivas, a maioría con varias edicións ás costas e xa consolidadas, como a Milla Urbana que cumpre 30 anos ou o Descenso Internacional do Sil que este ano conmemora as vodas de ouro. Cincuenta anos que queren celebrar por todo o alto polo que están xa traballando na programación que presentará novidades como a convocatoria dun concurso para o deseño do cartaz así como dunha mascota.

A outra novidade que presenta a programación deportiva na tempada estival é a ximnasia de mantemento na praia fluvial do Malecón durante os meses de xullo e agosto totalmente de balde e sen necesidade de inscrición previa. Serán os martes e xoves de 9:30 a 10:30 horas.

As actividades previstas para este mes de xuño son a XVIII Volta a Valdeorras, o día 12; a V Velada Concello do Barco (Kick Boxing, K1, MMA e Boxeo), o día 17; o VII Circuíto de Ciclismo do Salgueiral, o día 18; e a II Carreira e Andaina Popular de San Xoán, o día 23.

Artigos relacionados

Back to top button