SanidadeÚltima hora

Os Colexios de Enfermería de Galicia celebran o Día da Enfermeira con homenaxes e reivindicacións

Amosan "a necesidade de que se oferten o número de prazas que realmente necesita o Sergas para cumprir os cocientes de paciente/enfermeira, que se cre emprego digno"

 

Os Colexios Oficiais de Enfermería de Ourense, A Coruña, Lugo e Pontevedra celebraban este 12 de maio, Día da Enfermería, cunha homenaxe a todas as compañeiras e compañeiros na Catedral de Santiago de Compostela. Despois de unirse ao minuto de silencio convocado desde o Consello Xeral de Enfermería de España, as presidentas das organizacións colexiais galegas, Inés Lopez Carral, Lourdes Bermello López, Ascensión Pérez Sampayo e Marisol Montenegro Alonso homenaxeaban ás enfermeiras e enfermeiros de Galicia cunha misa oficiada polo clérigo Luís Otero Outes, membro do cabido catedralicio, na nave central.

Á cerimonia asistiron, ademais de profesionais da enfermería, o xerente do Servizo Galego de Saúde, José Flores Arias; a directora de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, Ana María Comesaña Álvarez; e o presidente da Academia de Enfermería de Galicia, Isidoro Rodríguez Pérez.
Durante a misa, a presidenta do COE da Coruña realizou unha ofrenda ao Apóstolo Santiago en nome de todas as/vos profesionais de Galicia e o sacerdote quixo destacar a “misión altísima que realizan as enfermeiras e enfermeiros, coidando ao que está desprovisto de todo, axudándolle a recuperar o valor máis supremo, que é o valor da vida”.

Unha vez finalizada a cerimonia, tivo lugar a lectura do manifesto polo Día da Enfermería na Praza do Obradoiro, acto ao que se sumaron o alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Antonio Sánchez Bugallo, e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso.

Celebración e reivindicacións

A lectura do manifesto quixo deixar claro que os catro Colexios de Enfermería de Galicia reivindican “a necesidade de que se oferten o número de prazas que realmente necesita o Sergas para cumprir os cocientes de paciente/enfermeira, que se cre emprego digno, que se estimule o liderado das enfermeiras e enfermeiros e que finalmente se termine recoñecendo aos profesionais da Enfermería coa categoría A1 que lles corresponde, tendo en conta o alto grao de responsabilidade que ten a prestación de coidados aos enfermos”.

Tamén quixeron ter unhas palabras de agradecemento a “profesionais comprometidos, responsables e incansables, xente dedicada e apaixonada do seu traballo que xa antes da pandemia estaban a loitar por mellorar a súa profesión día a día”. Finalmente, o alcalde de Santiago lía unhas palabras
finais do manifesto para as enfermeiras e enfermeiros galegos aos que animou a ser “os catalizadores dunha nova visión da atención sanitaria”.

Homenaxe dos concellos da provincia de Ourense

O Colexio Oficial de Enfermería de Ourense solicitou a colaboración dos 92 concellos da provincia, á Deputación de Ourense e á Subdelegación do Goberno en Ourense para celebrar o Día da Enfermería iluminando algún dos seus edificios públicos ou monumentos. Como xa sucedeu o pasado ano, “a resposta foi magnífica para que esta noite a cor azul das enfermeiras e enfermeiros brille por toda a provincia”, aseguran dende o Colexio de Enfermería de Ourense.

Na capital, a pasada noite xa luciu azul a sede da Subdelegación do Goberno, esta noite iluminaranse tanto a Ponte Romana como o Pazo Provincial. No resto da provincia, concellos como os de Cea, Xinzo de Limia ou Cortegada confirmaron a súa participación. “Estes son só algúns exemplos do alto compromiso que mostraron todos os edís, en toda a provincia, para sumarse á celebración do Día da Enfermería. Desde o Colexio Oficial de Enfermería de Ourense queremos agradecerlles moi sinceramente que se sumen e que nos apoien nesta bonita iniciativa”, destacan dende a entidade colexial.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button