EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Os Colleiteiros do Ribeiro asinan un convenio con Seur

A través deste acordo facilitarase a comercialización ao simplificar o proceso nas adegas con difícil acceso
Sinatura do convenio entre a Asociación de Colleiteiros do Ribeiro e Seur na CEO.
Sinatura do convenio entre a Asociación de Colleiteiros do Ribeiro e Seur na CEO.

A sede da Confederación Empresarial de Ourense (CEO) acollía na mañá do 21 de outubro a sinatura dun convenio entre a Asociación de Colleiteiros de Viño do Ribeiro e Seur. A través deste acordo a citada empresa de transportes comprométese a retirar o viño destinado á comercialización dende as propias adegas e a trasladalo á súa base loxística para trasvasar alí os palés aos camións de gran tonelaxe para a súa posterior distribución fóra de Ourense.

Pola súa parte os colleiteiros do Ribeiro asumen o compromiso de realizar a distribución “ao detalle a través de Seur, que tanto nunha como noutra fórmula aplicará tarifas competitivas coas grandes empresas de loxística”. O contido deste acordo materializouse nun convenio rubricado polo presidente da Asociación de Colleiteiros, Brais Iglesias, e o xerente de Seur, Carlos Jiménez.

O representante dos colleiteiros subliñaba no acto a importancia desta alianza comercial, en tanto que “algunhas adegas están situadas dentro dos pobos, con accesos difíciles ou imposibles para os camións. Seur disporá vehículos de medianas e reducidas dimensións, con rampa hidráulica de carga, o que evita que teñamos que asumir nós a inversión en maquinaria para manexar os palés”. Carlos Jiménez, pola súa banda, manifestaba a vocación de servizo da súa empresa, pois “a nosa filosofía é tratar de prestar sempre o mellor servizo e nas condicións máis vantaxosas posibles para os nosos clientes”.

Artigos relacionados

Back to top button