EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Os Colleiteiros do Ribeiro, no Spanish Wine Cellar en Nova York

Esta acción promocional está enmarcada na segunda fase do plan de internacionalización que desenvolve esta entidade

Primeiro participaban na Feira Gourmet Extravaganza en Berlín o 27 de xuño e agora veñen de asistir á Spanish Wine Cellar (organizada polo ICEX) en Nova York os días 13 e 14 de xullo. Deste xeito a Asociación de Colleiteiros e Embotelladores do Ribeiro acaba de encetar a segunda fase do seu plan de internacionalización. Asemade farán un evento de presentación en Vancouver (Canadá) o próximo 26 de xullo e unha misión comercial coordinada co ICEX en Corea do Sur entre os días 25 e 29 de xullo.

Na primeira fase deste plan realizaban “varias accións en marzo como o Gourmet Extravaganza de Bruxselas, ProWein en Alemaña e a cata de The Wine Advocate, seguida de Alimentaria (Barcelona) en abril”, recordan dende a asociación. Prevese ademais unha terceira fase neste plan que se completará no próximo ano coa participación nas mostras de ProWein 2017 (Alemania), Fenavin 2017 (Ciudad Real) e con misións comerciais na costa oeste de EEUU e en Mexico DF, adiantan dende a Asociación de Colleiteiros do Ribeiro.

A Asociación de Colleiteiros do Ribeiro vén de participar no Spanish Wine Cellar, en Nova York./ Foto: Asociación de Colleiteiros e Embotelladores do Ribeiro.
A Asociación de Colleiteiros do Ribeiro vén de participar no Spanish Wine Cellar, en Nova York./ Foto: Asociación de Colleiteiros e Embotelladores do Ribeiro.

Nesta “expansión internacional ten unha parte clave o IGAPE, quen outorgou a Asociación de Colleiteiros Embotelladores do Ribeiro unha subvención con fondos FEDER que fixo posible todas as accións no exterior”, lembra esta entidade, que agrupa nestes momentos a 35 colleiteiros/as. Ademais tamén lle ten sido asignada unha becaria do IGAPE durante un ano, no que traballará na internacionalización deste colectivo.

“Nas nosas diversas viaxes puidemos constatar a demanda mundial crecente de produtos diferenciados, actualmente o mercado está saturado de viños e cada vez máis, especialmente os restaurantes e as tendas especializadas, demandan produtos novos, de alta calidade e pouco coñecidos cos que sorprender aos seus clientes. É por iso que a figura do Colleiteiro, descoñecida ata agora para moitos, ten un bo nicho de mercado entre os viños de alta calidade. Os importadores e distribuidores quedan sorprendidos por esta figura, de adega familiar que só realiza viños con uva de colleita propia e cuxa produción é limitada”, asegura a asociación.

Ao mesmo tempo, a Asociación de Colleiteiros do Ribeiro está a realizar diversas actividades no marco da súa denominación de orixe, como é o caso dunha serie de catas comentadas cada xoves deste verán na praza Maior de Ribadavia. Ademais preparan eventos especiais para o Ribeiro Blues de Castrelo de Miño e para a primera etapa da Volta Ciclista a España nos municipios de Castrelo de Miño e Cenlle, “que están colaborando estreitamente coa asociación”.

Artigos relacionados

Back to top button