EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Os Colleiteiros do Ribeiro promocionan os seus viños en Canadá e Seúl

Dende a asociación valóranse de xeito moi positivo os resultados destas accións internacionais
O presidente da Asociación de Colleiteiros do Ribeiro, con representantes da Oficina Económica e Comercial da Embaixada española en Seúl./ Foto cedida.
O presidente da Asociación de Colleiteiros do Ribeiro, con representantes da Oficina Económica e Comercial da Embaixada española en Seúl./ Foto cedida.

Nos mercados internacionais continúase incidindo dende a Asociación de Colleiteiros Embotelladores do Ribeiro. A finais de xullo a asociación participaban en dúas accións promocionais en mercados tan diferentes como o de Corea do Sur e o Canadá.

No caso de Corea do Sur, tratábase dunha misión comercial organizada coa colaboración do ICEX nese país na súa OFECOME de Seúl. Nela os dez importadores cataron 17 viños diferentes, entre brancos e tintos. “Ao importador coreano sorprendeulle a calidade dos viños dos colleiteiros, pero gustoulle aínda máis a súa filosofía empresarial, de adega pequena e de tradición familiar, que só elabora viños con uva propia”, apunta o presidente da asociación, Brais Iglesias.

Asemade sinala que malia que na actualidade o mercado coreano está dominado polos tintos, “esperamos que esa situación vaia evolucionando e acabe cambiando pouco a pouco debido á introdución de novos viños procedentes de novas rexións, onde como no Ribeiro, tamén predominan os viños brancos”.

Durante a súa viaxe a Seúl, a Asociación de Colleiteiros do Ribeiro recibía a visita do xecretario de Estado de Asuntos Exteriores, Ignacio Ybáñez, e do embaixador, Gonzalo Ortiz. Dende a entidade destacan “o excelente recibimento e a alta profesionalidade do persoal da Oficina Económica e Comercial da Embaixada en Seúl”.

Por outra banda, esta asociación tamén acudía á feira de Vancouver (Canadá), cun resultado tamén moi favorable. “Canadá é un mercado máis maduro para os viños galegos, proba diso foi a alta afluencia ao evento que durante 3 horas se celebrou no Museo de Arte Contemporáneo “Back Gallery Project”, cabe destacar que a arte sempre fai unha excelente maridaxe co viño. Os viños foron explicados aos asistentes por un sumiller español que reside e traballa en Canadá”.

Artigos relacionados

Back to top button