OurenseÚltima hora

Os comerciantes ourensáns piden que se declare festivo o 19 de marzo

Aseguran que a actividade en torno á festividade de San Xosé e do Día do Pai acadan un volume económico similar a Noiteboa

 

Acto da presentación da campaña, en Ourense.

Os representantes do sector comercio da provincia, liderados pola Asociación de Comerciantes e Industriais da praza de Abastos número 1 de Ourense e Centro Comercial Aberto Ourense Centro, veñen de pór en marcha unha campaña para reclamar a declaración do día 19 de marzo como festivo fixo no calendario, por entender que en torno a esa data, na que se celebran o San Xosé e o Día do Pai, xérase un movemento comercial “case equiparable ao Nadal”, segundo apuntaba Emilio González, presidente dos comerciantes da Praza de Abastos.

A campaña iniciábase e presentábase nun acto que tiña lugar na mañá do 15 de marzo no patio de columnas da Confederación Empresarial de Ourense (CEO). Nel participaban representantes das asociacións convocantes, ademais de directivos da CEO. Tamén asistían presidentes e directivos da Asociación de Mulleres Empresarias, Xoves Empresarios, polígonos de San Cibrao e Barreiros, Federación de Comercio, así como o resto das asociacións de comerciantes da provincia.

Unha das accións da campaña será remitir unha carta a todos os comerciantes explicándolles a iniciativa. Tamén iniciarán unha recollida de sinaturas na rúa para respaldar a súa petición ante a Administración autonómica, que é quen ten competencias na materia.

Ramón Varela, ao que Emilio González definía no acto como “do comercio de toda a vida” en Ourense, daba lectura a un manifesto colectivo no que afirman que “o pequeño comercio é negocio e servizo”, xa que busca “rentabilidade, pero tamén atende demandas sociais, proporciona o sustento a moitas familias, ilumina as rúas e locais evitando a proliferación abandono de zonas marxinais e incrementando a percepción de seguridade para cidadáns e turistas”. Resaltaba ademais que o sector “colabora coa economía dos nosos concellos e cidades co pago de taxas e impostos”.

Nese senso tamén, “esiximos da Administración Autonómica a inmediata posta en marcha de medidas concretas que favorezan a sostibilidade dos nosos negocios como é a instauración do Día do Pai, 19 de marzo, como festividade autonómica e como motivo de celebración por ser, primeiro, un revulsivo económico indubidable para todos os sectores e, segundo, unha tradición social e familiar na nosa cultura”.

Artigos relacionados

Back to top button