EconomíaEconomíaGalerías de fotosÚltima hora

Os comerciantes ourensáns toman a rúa para chamar a atención sobre a crise do sector

Esta marcha reivindicativa, celebrada na tarde do 20 de febreiro, ía precedida dun peche de establecementos nesa mesma tarde na cidade e noutros puntos da provincia

“Sen comercio non hai vida”. Era o lema da pancarta que abría na tarde do 20 de febreiro a marcha convocada dende a Federación de Comercio de Ourense (en colaboración con asociacións de comerciantes da cidade e da provincia) para chamar a atención sobre a crise que vive este sector. Este acto reivindicativo, con numerosa asistencia, comezaba fronte á Subdelegación do Goberno en Ourense e dende alí os participantes dirixíanse ata a praza Maior ourensá, onde se procedía a dar lectura a un manifesto xunto ao Concello.

“O comercio local da provincia está pasando polas súas horas máis baixas. Impostos locais excesivos, suba continua da cuota de autónomos, a desregularización das rebaixas dende hai uns anos que só favorece ás grandes cadeas, o aumento progresivo dos manteiros situados nas rúas estratéxicas das cidades vendendo produtos… fan que o noso comercio estea agonizando e que pouco a pouco vaia desaparecendo das nosas cidades e pobos”, en palabras da presidenta da Federación de Comercio de Ourense, Beatriz Gómez.

Con esta concentración o comercio busca “dar un golpe enriba da mesa e facerlle ver á administración local, autonómica e incluso estatal, a través das nosas asociacións superiores, que o comercio local é un dos xeradores de maior riqueza das nosas cidades, que crea postos de traballo, que dá seguridade nas nosas rúas, que crea movemento nas nosas beirarrúas, que en definitiva, sen comercio local non hai vida”, engadía Gómez.

Esta concentración tiña como limiar un peche dos establecementos comerciais da cidade e doutros puntos da provincia na tarde do 20 de febreiro e o apagado de todas as súas luces.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button