CulturaCulturaÚltima hora

Os “compadres” dan o pistoletazo de saída ao Entroido de Verín

O Domingo de Corredoiro terá lugar o Pregón a cargo da entroideira verinesa Mercedes Astorga na praza Maior
Queima do Maragato o Xoves de Compadres en Verín.

Hoxe, a partires das 23:30 horas e tralas típicas ceas nos restaurantes da localidade, os “compadres” percorrerán, ataviados cos seus característicos chapeus, bigotes e gabardinas, a rúas Montemaior (saída), praza Maior Cruz, praza da Mercé, e rúas Laureano Peláez, Irmáns Moreno, Deputación, Luís Espada e Lisa, ata a Praza Maior onde, entre o estrondo dos petardos, celebrarán o xuízo e a queima do Maragato.

A charanga Támega e a Banda de Gaitas do Concello de Verín serán os responsables de acompañar ao carro do Maragato que conducirá aos compadres polas céntricas rúas de Verín. Tras a queima, a festa rematará na praza Maior con Disco-Móbil Jorge.

A festa continuará o vindeiro día 4 de febreiro co Domingo de Corredoiro. En torno ás 11:30 horas, o son de chocas envovlerá as rúas de Verín coa popular concentración de Cigarróns na praza do Concello que, como é tradición, recibirán aos fregueses recibidos á saída das igrexas RR.PP Mercedarios e Parroquial.

 

A entroideira verinesa Mercedes Astorga.

Por outra banda, e como novidade, ás 13:30 horas, terá lugar na praza Maior o Pregón do Entroido, que este ano correrá a cargo da entroideira verinesa Mercedes Astorga, unha das principais impulsoras do tradicional Xoves de Comadres de Verín.

As charangas Támega e Vakapinta, a Disco-mobil Gramola e o grupo Aramiomarcarán o ritmo durante toda a xornada.

Máis información na revista Entroido en Galicia de O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button