En portadaÚltima hora

Os concellos coñecen o plan de sinalización e acondicionamento do Camiño de Inverno

O conselleiro de Cultura e Turismo mantivo hoxe un encontro con representantes dos municipios deste itinerario para expoñer o proxecto antes da súa licitación

 

Os representantes dos 14 concellos polos que transcorre o Camiño de Inverno reuníanse neste venres 28 de febreiro co conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, na que lles trasladou as accións de sinalización, acondicionamento e mellora que a Xunta levará a cabo nesta ruta na antesala do Xacobeo 2021. As actuacións realizaranse en 190 quilómetros deste itinerario por un importe inicial de 1,5 millóns de euros e supoñen a culminación dos investimentos do Plan Director do Camiño de Santiago.

O encontro reuniu a rexedores e representantes dos municipios da Pobra do Brollón, A Rúa, Carballeda de Valdeorras, Chantada, Monforte de Lemos, O Barco de Valdeorras, O Saviñao, Pantón, Quiroga, Lalín, Ribas de Sil, Rodeiro, Rubiá e Vilamartín de Valdeorras.

O obxecto da xuntanza foi informarlles das liñas xerais de traballo que se acometerán nestes concellos e que inclúen accións de mellora da sinalética, tanto horizontal como vertical, a instalación de cunchas de bronce nos lugares declarados BIC e a posta en macha de actuacións de rehabilitación en liña coas obras realizadas nos diferentes Camiños de Santiago. Este é o paso previo á súa licitación, na que se dá continuidade ao diálogo establecido para que os concellos poidan facer as súas achegas.

 

 

Segundo o responsable de Cultura e Turismo da Xunta, esta iniciativa ten por obxectivo preparar este itinerario de cara ao próximo ciclo Xacobeo que comezará en 2021. Neste sentido, destacou o potencial de crecemento desta ruta e que o ano pasado experimentou un incremento do 47% segundo as cifras da Oficina do Peregrino. Entre as súas particularidades citou que se trata do único itinerario que transcorre polas catro provincias, ademais de atravesar o corazón da Ribeira Sacra, que opta a ser declarado Patrimonio da Humanidade.

Unha ruta xacobea que entra en Galicia por Valdeorras

Román Rodríguez lembrou que o Camiño de Inverno, que entra en Galicia por Valdeorras, transcorre tamén nos seus inicios polo un espazo paisaxístico das Médulas (León), declarado Patrimonio Mundial, convertendo a esta ruta nun referente no eido do patrimonio cultural. Ademais chamou a todos os axentes implicados a traballar de xeito conxunto para impulsar o Camiño de Inverno na antesala do vindeiro Ano Santo. Explicou que a posta en valor desta ruta favorecerá aos concellos polos que discorre, promovendo a cohesión territorial e a dinamización destes territorios, favorecendo a creación de emprego.

 

Artigos relacionados

Back to top button