A RúaA VeigaChandrexa de QueixaConcellosEn portadaLaroucoManzanedaMontederramoNogueira de RamuínO BoloParada de SilPetínSan Xoán de RíoÚltima horaViana do BoloVilariño de Conso

Os concellos de “Ourense Norte Reacciona” reúnense en Manzaneda

Este proxecto agrupa a 16 municipios que buscan acceder ao financiamento dos fondos europeos de recuperación

 

O Concello de Manzaneda acollía a partir das 12:30h. deste martes a reunión dos concellos que forman parte do proxecto “Ourense Norte Reacciona”, cuxo obxectivo principal é poder acceder aos fondos europeos de recuperación económica NextGeneration para concellos de menos de 5.000 habitantes. Esta iniciativa botaba andar tras unha primeira reunión celebrada a finais do pasado setembro no Concello de San Xoán de Río, na que se acordaba agruparse para comezar a buscar financiamento europeo, contando co asesoramento da consultora Auxers, especializada en financiamento público. A ela chegábase a través dun veciño de Castiñeiro (Río), Juan Carlos Pérez.

No proxecto participan un total de 16 concellos: San Xoán de Río, Viana do Bolo, Xunqueira de Espadanedo, Parada de Sil, A Teixeira, Montederramo, Manzaneda, Vilariño de Conso, Larouco, Petín, A Rúa, O Bolo, A Veiga, Esgos, Nogueira de Ramuín e Chandrexa de Queixa.

Ademais presentábase xa unha primeira solicitude á liña de apoio á actividade comercial (que se convocaba no mesmo mes de setembro) cun “Proxecto eco-dixital para o impulso do comercio local na área norte da provincia de Ourense”.

 

 

Esta iniciativa inclúe 31 medidas para desenvolver no comercio en eidos como a transformación dixital (6 actuacións), a transformación do punto de venda (7 actuacións), a sostibilidade e economía circular (4 actuacións), a cadea de subministro e trazabilidade (5 actuacións), a sensibiliazación e formación (6 actuacións) e a promoción e difusión nos municipios (3 actuacións).

Na reunión celebraba neste martes en Manzaneda asistían alcaldes ou representantes de 14 dos 16 concellos da plataforma, e os dous restantes non puideron facelo por compromisos de última hora. Os asistentes valoran de maneira moi positiva o encontro. “Foi unha reunión moi construtiva e na que tratamos os puntos incluídos na subvención que xa solicitamos. Agora temos que esperar a que saia a resolución, que seguramente non será ata o primeiro trimestre do 2022. Se é positiva, xa nos centraríamos nela para desenvolver os seus diferentes puntos, e, senón, imos seguir traballando para presentarnos a outras convocatorias”, explica o alcalde de Manzaneda, Amable Fernández, anfitrión da reunión. “Ademais, abordamos unha lista de temas nos que poderíamos traballar conxuntamente porque son de interese para todos, para toda a zona”, engadía.

Tamén o alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez, facía un balance moi favorable da xuntanza, destacando “a boa sintonía”. Ao encontro acudían, ademais dos representantes de Auxers, Juan Carlos Pérez, quen se amosaba moi satisfeito de ter contribuído a “promover este proxecto, esta plataforma. Creo que é unha iniciativa moi bonita e gratificante e que permitirá que este financiamento público se quede en Galicia e axudando a facer esta zona, e a aldeas como Castiñeiro, máis grandes”.

A reunión daba paso a un xantar de confraternidade no que se seguían analizando ideas e iniciativas de traballo en conxunto.

Fotos: O SIL.

Artigos relacionados

Back to top button