ConcellosEn portadaSan Xoán de RíoTrives

Os concellos de San Xoán de Río e Trives contarán cun parque eólico

Xa comezaron os traballos de instalación dunha torre meteorolóxica no Alto do Cerengo para validar os cálculos feitos de cara a dar luz verde á súa construción

Inicio da instalación da torre, cando acadaba unha altura de 24 metros. A súa altura que alcanza é de 100 m./ Foto cedida.

 

Nesta semana veñen de comezar no Alto do Cerengo os traballos de instalación dunha torre meteorolóxica que debe validar que todos os cálculos feitos por expertos matemáticos son correctos e así dar luz verde a construción do parque eólico Río-Trives, tal e como se informa dende estes dous concellos.

A torre, que terá unha altitude de 100 metros, é de celosías tubulares de aceiro cunha planta baixa triangular. Para cada un dos 3 planos utilízanse tres conxuntos de cables pretensados para estabilizar a torre a diferentes alturas. Os equipos que se instalarán na torre, anemómetro e veleta, permitirán detectar cal é a mellor colocación para cada torre eólica.

Neste 2020 os Concellos de Río e Trives apoian esta iniciativa na que, aseguran, “non haberá impacto ambiental”, unha cuestión que preocupaba aos rexedores. As parroquias de Navea en Trives e As Cabanas en Río serían, aseguran, as principais beneficiarias deste investimento.

Os dous concellos apostan “por enerxías limpas” e isto sería un paso máis na estratexia iniciada en ambos casos coa súa inclusión no Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía e a consecución da Bandeira Verde para estas localidades.

O futuro parque eólico Río-Trives será de 50 MW e xa leva un ano de proceso administrativo no rexistro eólico da Xunta de Galicia. O investimento a realizar sería de 40 millóns de euros e, unha vez instalado, xeraría xa directamente en alugueres do terreo máis de 100.000 €/ano que repercutirían sobre todo nas comunidades de montes de Navea e As Cabanas, segundos os concellos de Río e Trives.

O proxecto deste parque contitúe, din, unha mostra máis da aposta de ambos gobernos locais “polo traballo en conxunto e polo desenvolvemento do rural que, sen dúbida será un revulsivo na comarca” xunto con outros proxectos nos que levan tempo traballando.

Artigos relacionados

Back to top button