ConcellosEn portadaManzanedaSan Xoán de RíoTrivesÚltima hora

Os Concellos de Trives, Río e Manzaneda temen un brote de covid na zona

Veñen de emitir un comunicado conxunto ao finalizar a reunión desta tarde do comité de emerxencia na que se abordaba a situación na zona tras confirmarse un caso positivo

Entrada ao Centro de Saúde de Trives./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Con moita preocupación estase a vivir na comarca trivesa a noticia dun positivo por Covid-19, que facía pública esta mañá. Pola tarde tiña lugar unha reunión do comité de emerxencia da área do PAC de Trives, tras a cal os Concellos de Trives, San Xoán de Río e Manzaneda emitían un comunicado no que, entre outras cuestións, indicaban que “estableceuse un rastrexo de contactos que se atopan pendentes dos resultados e/ou realización de PCRs, con orde de illamento preventivo durante 14 días, tanto a esas persoas como aos convivintes”.

Ademais aseguran que nesta xuntanza evidenciáronse “tanto as contradicións como a falta de información veraz facilitada pola persoa afectada e de algunhas contactadas”. De aí que acordasen poñer esta situación “en coñecemento da autoridade competente”.

Por outra banda, tamén se toman novas medidas drásticas prevendo que poida haber un brote. Así, o Concello de Trives decidiu pechar as súas piscinas municipais e o Centro de Saúde atenderá unicamente citas telefónicas e “só haberá consulta presencial no suposto de que así o consideren os propios facultativos”, por iso, prégase “non acudir ao centro de saúde sen cita previa”.

Ademais o Concello de Trives recomenda aos “titulares de negocios que non sexan de primeira necesidade, que procedan á suspensión da súa actividade ata que se clarifique a situación, establéndose como período máximo ata 10 ou 14 días, segundo indicacións médicas”.

Así mesmo, os tres concellos fan un chamamento “a todo aquel que tivera contacto coa persoa contaxiada” para que faga “un exercicio de responsabilidade e o comunique urxentemente chamando ao Centro de Saúde”.

E, para todas as persoas confinadas ou persoas de risco ponse de novo a disposición da veciñanza o número de teléfono móbil 670 47 15 20 “para a realización das compras a domicilio e para calquera dúbida relacionada con esta circunstancia”.

Finalmente, conclúen o comunicado indicando que “dende os Concellos non temos competencias para adopción de máis medidas, pero si seguiremos a poñer en coñecemento da Garda Civil e de Sanidade calquera incumprimento e asegurando que, sobre quen poña en risco a saúde, caia todo o peso da lei”.

Artigos relacionados

Back to top button