En portadaÚltima hora

Os concellos do GDR Sil-Bibei-Navea promoven un proxecto de banda ancha ultrarrápida no seu territorio

Trátase de Trives, A Teixeira, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Manzaneda, Montederramo, Parada de Sil, Viana do Bolo, Vilariño de Conso e San Xoán de Río

 

Comezan a darse pasos no proxecto banda ancha ultrarrápida que se promove no territorio de actuación do GDR8 Sil-Bibei-Navea e que abranguerá aos dez concellos que o integran: A Pobra de Trives, A Teixeira, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Manzaneda, Montederramo, Parada de Sil, Viana do Bolo, Vilariño de Conso e San Xoán de Río.

Xa se presentou o proxecto entre os dez concellos e hai convenios de colaboración entre eles. Agora, o seguinte paso será aprobar esta iniciativa no GDR, redactar o proxecto e os pregues, licitar o concurso e adxudicar a instalación e servizos.

Con esta iniciativa búscase dar cobertura ao 100% da poboación dunha das zonas con “peores telecomunicacións de España actualmente”, tal e como sinala o alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez. Ante isto apóstase por despregar “dunha rede sen fíos con emisión en radiofrecuencia en banda non licenciada. A tecnoloxía empregada será a estándar, 802.11AC, también coñecido como WiFi 5G”, matiza este rexedor.

O desenvolvemento do proxecto implicaría unha serie de melloras para a veciñanza destas zonas como é o feito de dispor de Internet de banda ancha e de calidade. Ademais do servizo de internet, como núcleo do proxecto, preténdese facilitar a cada veciño outros produtos de comunicacións como telefonía fixa, centraliñas virtuais, telefonía móbil, TV-IP etc… Mesmo servizos individualizados en función das necesidades dos veciños, en particular das empresas que de xeito habitual precisan dunhas prestacións máis alá dos servizos estandarizados.

Isto permitiría “proporcionar accesos de alta velocidade é vital para a conservación da poboación no rural xa que internet constitúe unha das innovacións máis importantes do noso tempo, polos substanciais beneficios que aporta ás economías e ás sociedades. A posibilidade de comunicar gran cantidade de información a alta velocidade a través de distintas plataformas é algo esencial para o desenvolvemento de novos bens e servizos e achegar o internet das cousas os poboadores desta zona”, segundo os seus promotores.

Por outra banda, a explotación e mantemento do servizo prevese que sexa contratada a un terceiro, operador. Éste será o encargado de suministrar a cada veciño o catálogo de servizos propostos. Os prezos máximos deste catálogo estarán regulados polos concellos no prego de licitación pública.

“Este operador será o responsable de instalar os servizos contratados mediante un kit composto de antena exterior e equipo receptor con saídas ethernet. Será asómesmo responsable da facturación.
Os concellos recibirán unha contraprestación mediante un canon equivalente os custos do aluguer das torres de comunicación, o custo da contratación do acceso a internet e o custo de mantemento da rede incluindo actualizacións ou reposicións de equipos. A pretensión deste proxecto é que sexa un proxecto non lucrativo e sen custos de mantemento e explotación para os concellos participantes”, segundo os seus promotores.

Artigos relacionados

Back to top button