ConcellosÚltima hora

Os concellos do PAC de Trives inciden na importancia das medidas de seguridade tras o brote

Exterior do Centro de Saúde de Trives./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Ante o novo brote de Covid-19 detectado en Trives, os tres concellos da área sanitaria deste PAC (Trives, Manzaneda e San Xoán de Río) veñen de emitir un comunicado conxunto no que explican que se trata dunha unidade familiar de seis persoas, das que catro deron positivo. “As outras dúas a pesar de dar negativo deberán cumprir as medidas de illamento. Un contacto directo desta familia mantense tamén en illamento á espera do resultado do test PCR. Segundo nos trasladou a propia familia, o estado actual de todos eles é que non amosan síntomas graves e que se atopan gardando illamento dende hai días, polo que agardamos unha pronta recuperación”.

Por outra banda, dende os concellos de Trives, Río e Manzaneda matízase a información da Consellería de Sanidade con respecto á restrición das visitas á residencia da terceira idade trivesa. “As visitas xa estaban restrinxidas con anterioridade, xa que acordouse como medida preventiva non permitir o acceso ao edificio de visitas, polo que a medida recomendada xa estaba adoptada de antemán”.

Ademais estes tres concellos solicítanlle á poboación “tranquilidade. Segundo nos indican o brote está previsiblemente controlado, se ben incidimos na importancia de continuar empregando todas medidas de seguridade: mascarilla, hixiene e distancia social”.

 

Artigos relacionados

Back to top button