ConcellosÚltima hora

Os concellos piden á veciñanza “paciencia e colaboración” para evitar un retroceso

A Fegamp lembra que o risco segue e que o "incumprimento pode facernos volver atrás"

 

Nestes días iniciais da Fase I do Plan para a Transición cara unha nova normalidade a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) vén de poñer en valor o esforzo dos concellos. “Dende o derradeiro luns, coa entrada en vigor das medidas de alivio social de dita fase, os galegos e galegas poden, entre outras, facer xuntanzas de 10 persoas, consumir en terrazas de bares e restaurantes, asistir a oficios relixiosos ou velorios e desprazarse por toda a provincia. Estas accións, xunto coas saídas para facer deporte, aumentaron considerablemente nestes días o movemento da poboación, o que fai máis complexo o cumprimento da distancia social de seguridade”, indican dende esta entidade que preside Alberto Varela, alcalde de Vilagarcía.

Ademais a Fegamp sinala que “a maioría dos comportamentos son exemplares”, se ben, quere recordar que o incumprimento, por minoritario que sexa, “supón un risco para todo o mundo”. Neste sentido, Alberto Varela, resalta que é necesaria “a colaboración de todos, veciñanza e responsables de establecementos, especialmente terrazas de bares e restaurantes: eu sempre son partidario do diálogo e de concienciar á xente da necesidade, pero no papel que tocou xogar aos concellos exercemos as funcións sancionadoras que se nos pediron por parte das autoridades sanitarias e neste caso vai ser o mesmo, no momento que non se cumpran vanse ter que aplicar as sancións”.

Cara ao fin de semana, a Fegamp aconsella reforzar os dispositivos de vixilancia se ben considera que a primeira acción debe ser a concienciación e o chamamento á colaboración e á responsabilidade de todos para que non se dean abusos das medidas de desconfinamento.

Artigos relacionados

Back to top button