Á beira do río Sil, Quico Cadaval ía debullando historias. Unhas entrelazadas con outras e salpicadas de comentarios e humor, moito humor. Facíao na noite do 8 de xullo, nunha das actuacións incluídas no programa “De Perto. Outros espazos para a cultura”, promovido dende a Concellería de Cultura do Barco.
Era un espectáculo de narración oral no que, tras explicar dun xeito singular que é un contacontos, encetaba un rosario de relatos que atrapaban ao público. Ían dende contos clásicos como o de Carrapuchiña, pero dende un enfoque moi persoal, pasando por pezas con referencias á Santa Compaña, ata contos sufitas.
A vindeira cita con “De Perto” será o concerto do cantante galego Fran Pérez (Narf) o 10 de xullo ás 22:30h. tamén á beira do Sil, no Malecón.