ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Os contos e a música de “O pozo das señoras”, na III Feira do Libro de Viana

Novelas de aventuras, contos coidadosamente ilustrados, literatura galega, poesía, revistas e ata DVD de diversas películas. Eran algún dos artigos que expoñían e vendían na III Feira do Libro e Libro de Ocasión de Viana do Bolo, que se celebraba na tarde do 21 de abril na praza Maior.

Nos soportais da praza podían percorrerse postos de librerías da vila, pero tamén de asociacións que vendían libros de ocasión con fins benéficos. A partires das 17h. o público percorría os expositores e mercaba diferentes libros.

Ademais, en torno ás sete da tarde, os máis pequenos, pero tamén os maiores, podían gozar dun espectáculo de narración oral e música da man da compañía Rilo & Penadique e titulado “O pozo das señoras”. Vero Rilo, acompañada ao acordeón por Sonsoles Penadique, despregaban un abano de historias interaccionando cos máis pequenos. A primeira delas era sobre as antigas lavandeiras.

Esta feira do libro, organizada polo Concello de Viana, enmárcase nos actos de celebración do Día Internacional do Libro, cuxa data é o 23 de abril.

Por outra banda, mañá 22 de abril terá lugar na Casa da Cultura de Viana do Bolo outra actividade cultural. Trátase da terceira e última das actuacións do Festival Terra Máxica. “Para a clausura deste gran Festival contamos coa actuación do Mago Teto , que traerá o seu último espectáculo Íntimo“, adiantan dende o Concello.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button