EntrevistasÚltima hora

“Os de Río son os únicos expedientes de “espontáneas” atopados ata agora na provincia de Ourense”

O historiador trivés Miguel García-Fernández vén de publicar, a través da AC RíoMola, un traballo titulado “As espontáneas de San Xoán de Río. Mulleres e liberdade sexual no século XIX”
O historiador Miguel García-Fernández./ Foto: Begoña García Fernández.

 

Case por casualidade un total de 27 expedientes con “espontáneos” (datados entre 1847 e 1852) do arquivo municipal de San Xoán de Río chegaban hai un tempo a mans do historiador Miguel García-Fernández (Guístolas, San Xoán de Río, 1988), que centra as súas investigacións na historia social das mulleres. Enseguida lle chamaban a atención, primeiro polo feito de “ser os únicos que teño localizado na provincia de Ourense” e logo pola súa cronoloxía, máis tardía que os aparecidos no resto de Galicia.

Despois de investigalos, García-Fernández compartía as súas conclusións cos veciños de Río neste verán a través da conferencia “As espontáneas de San Xoán de Río. Mulleres e liberdade sexual no século XIX”, organizada pola Asociación Cultural RíoMola. Dous meses despois, vén de plasmar ese material nun caderniño que acaba de editar esta mesma entidade. Pretende ser o primeiro dunha colección que aborde e recupere de maneira divulgativa a historia deste municipio.

¿Que significaba espontanearse?

En liñas xerais, o “espontáneo” sería un costume legal de Galicia que implicaba que as mulleres solteiras e as viúvas (é dicir, aquelas que non estaban casadas nese momento) debían comparecer ante a xustiza ou as autoridades públicas para declarar os seus embarazos.

Este caderniño pretende ser o primeiro dunha serie sobre a historia de Río, ¿por que decidiu empezar por este tema das “espontáneas”?

Este tema xurdiu de casualidade. En Río procedeuse a unha ordenación do arquivo do Concello e, falando coa secretaria municipal, souben que apareceran uns expedientes curiosos, que estaban clasificados en “diversos”, é dicir, non se sabía moi ben onde clasificalos, algo raro. Como me dedico á historia das mulleres, collín esta documentación e empecei con ela. E xa lle levaba dando voltas moito tempo a este tema porque é un caso único para a provincia de Ourense, aínda que si os hai nas outras provincias galegas, por exemplo no Ferrol. Ademais os de Río son casos de “espontáneo” moi tardíos xa que noutras zonas situánse case todos no século XVIII ou a primeiros do século XIX, pero aquí son de mediados. Entón trátase dunha documentación que consideraba necesario dar a coñecer, pero ao ir centrando as miñas investigacións na Idade Media, fun deixándoa. Este verán xurdiu a posibilidade desta conferencia, preguntáronme sobre algún tema de Río e considerei que este era importante.

¿Por que?

Porque son mulleres das que nos separan só tres ou catro xeracións, son mulleres de non hai tanto tempo e que se hoxe rastrexamos un pouco poderemos ver aínda as pegadas ou localizar a esta xente. Despois propuxéronme poñer por escrito esa comunicación, porque si que é certo que non todo o mundo puido asistir e ademais son malas épocas no verán, e por iso fixen isto que non deixa de ser un pequeno folletiño que espero que sexa a primeira dunha serie de entregas para recuperar a historia de San Xoán de Río e a historia da zona porque necesitamos historiar todo o que é esta zona.

¿Cal será o tema do seguinte caderniño?
A intención é ir un pouco para atrás e tratar de ir reconstruíndo diversos momentos. Non é tampouco unha cuestión lineal. Isto é unha tarefa de divulgación porque creo que é fundamental, e ás veces os historiadores que nos dedicamos academicamente a isto deixamos de lado divulgar. O obxectivo é ir recollendo pequenos episodios ou aportes documentais concretos para ir vendo un pouco todo ese pasado. Pero o que teño máis en mente para o seguinte é, polo menos, un século antes, ir cara ao XVIII.

Texto: A.R.
Máis información:
https://osil.info/miguel-garcia-fernandez-recolle-nun-librino-a-historia-das-espontaneas-de-san-xoan-de-rio/

Artigos relacionados

Back to top button