PolíticaÚltima hora

Os deputados Davide Rodríguez e Luís Villares presentan o decálogo de En Marea para loitar contra os lumes forestais

Dábano a coñecer na visita que realizaban á base da brigada helitransportada de Vilarmaior en Verín
Os parlamentarios galegos Luís Villares e Davide Rodríguez na visita á base da brigada helitransportada de Vilarmaior en Verín.

As políticas públicas levadas adiante no medio rural durante os últimos 30 anos “demóstranse insuficientes para a prevención e a extinción de incendios, comezando polo abandono do rural, a falta de inversión e servizos públicos, a reforestación mediante especies alóctonas de ciclo curto que hoxe supoñen mais do 50% da nosa superficie forestal mentres que no 1987 eran apenas do 3%. A isto súmase o abandono e falta de coidados, así como unha política baseada na extinción e non na prevención”. Así o asegura En Marea, cuxos deputados autonómicos Davide Rodríguez de Manzaneda (responsable da área de agricultura, montes e gandería) e Luís Villares, voceiro da formación, presentaban na mañá do 30 de xuño na base da brigada helitransportada de Vilarmaior en Verín o decálogo de En Marea para a loita contra os incendios forestais en Galicia.

“Existe na administración pública galega un discurso unicamente produtivista do monte, negativo en termos sociais e ambientais, e insuficiente e precario en termos económicos”, aseguraba Luís Villares. Por este motivo, En Marea cre necesario mudar as políticas de protección do territorio, prevención e extinción de lumes, “avanzando cara unha política de protección e conservación do monte galego como parte fundamental do noso ser social e económico”.

Neste senso, o grupo parlamentario de En Marea presenta un decálogo de medidas urxentes a impulsar por parte do Goberno galego que permitirían enfrontar o problema dos incendios forestais en Galicia. O primeiro punto sería unha estratexia de xestión integrada da loita contra o lume “onde os propietarios e administracións tiveran claras as competencias permitindo levar a cabo actuacións de xeito organizado e coordinado para logra que as accións preventivas tiveran máis importancia dentro da planificación xeral”, segundo esta formación.

O segundo punto centraríase na información e divulgación dos plans de emerxencia que contemple ademais comprobacións periódicas de recursos e actualización dos equipos e medios dispoñibles, formación e realización de exercicios e simulacros nas poboacións limítrofes coas masas forestais.

A aprobación da Lei Galega de mitigación e adaptación ao cambio climático sería outra das cuestións a desenvolver e que debería ter como principal obxectivo “definir a estratexia galega contra o cambio climático cunha aposta pola eficiencia enerxética, o impulso ás fontes enerxéticas de orixe renovable na que se tentará que as fontes enerxéticas e a produción de residuos fagan fronte a todos os custes que producen. Para isto se fomentaría a descentralización enerxética para reducir as emisións no transportes, e incentivar a redución da velocidade máxima en vías interurbanas”, segundo En Marea.

O cuarto punto sería establecer un Plan social e de estímulos ao rural no que se incluiría o freo á especulación a través de reformas legais que impidan as recalificacións de terreos que teñan padecido unha catástrofe natural que deberán, pola contra, manter as súas condicións anteriores para a súa rexeneración.

En Marea defende asemade a necesidade de levar a cabo unha “reforma na normativa actual. Así revisaríase a Lei de Montes para reverter o proceso de abandono, xerar riqueza e dinamismo, preservar a seguridade alimentar, conservar o solo, manter o ciclo de auga e ciclos ecosistémicos”.

Para o grupo parlamentario de En Marea é urxente entre outras cuestións aumentar as distancias mínimas de separación entre as masas forestais e calquera ben inmoble, pasto e zonas agrarias. Tamén se aposta por recuperar “como forma de xestión democrática e participada da propiedade privada forestal con carácter preferente as Unidades de Xestión Forestal e derrogación das actuais SOFOR” e por elaborar un novo plan do monte galego “que inclúa unha planificación a medio e longo prazo que conteña a delimitación do espazo monte dentro da ordenación do territorio e o mapa de usos entroncado coas comarcas do país”.

O uso das terras agrarias é outro dos apartados destacados no decálogo de En Marea no que se establece unha estratexia galega de administración de Terras que permita desacelerar a inmobilización das terras asociadas ao déficit temas relacionados coa propiedade rústica a través dun novo Servizo de Apoio á Xestión de Terras de Galicia.

Artigos relacionados

Back to top button