PolíticaÚltima hora

Os deputados Davide Rodríguez e Luis Villares reuniranse coa Xunta de Persoal do HCV e coa plataforma sanitaria valdeorresa

Ademais asistirán á concentración en contra da reforma da Lei de Saúde de Galicia que se celebrará mañá ao mediodía diante do hospital barquense
Os deputados de En Marea Davide Rodríguez e Luis Villares, no Parlamento galego./ Foto: Carlos G. Hervella.

Co fin de coñecer de preto a situación da sanidade no oriente ourensán, os deputados de En Marea Luis Villares e Davide Rodríguez teñen previsto manter unha reunión o 20 de setembro cos membros da Xunta de Persoal do Hospital Comarcal Valdeorras e da Plataforma Sanitaria do oriente ourensán. Esta xuntanza coincidirá asemade cunha nova concentración para pedir a retirada do anteproxecto de reforma da Lei de Saúde de Galicia no mediodía deste mércores diante do hospital valdeorrés.

“En Marea vén denunciando que a modificación da Lei de Saúde traerá consigo o desmantelamento da sanidade pública, en concreto, da área sanitaria de O Barco, que pasará a ser distrito sanitario, cunhas competencias e funcións ate agora descoñecidas pero que previsiblemente conlevarán un peor funcionamento da atención primaria, o incremento da burocracia administrativa, etc. En definitiva, un empeoramento na atención á veciñanza dos concellos afectados, por iso apoian as esixencias da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública”, explican dende esta formación política.

A esta reunión asistirán tamén, como integrantes da Plataforma Sanitaria e promotores das concentracións nos seus concellos (tamén directamente afectados polo anteproxecto), o concelleiro de Son de Trives, Jorge Vázquez, e o alcalde de Manzaneda, Félix Domínguez. “Ambos amosaron a súa implicación e compromiso neste asunto desde o primeiro momento, facendo súas as esixencias da Plataforma Sanitaria e loitando por unha sanidade pública, de calidade e proximidade”, sinalan dende En Marea.

En Marea esixe que “a atención sanitaria no rural se equipare á dos núcleos urbanos, que se invista en medios e recursos tamén nos pobos, que é onde máis se precisa, xa que é onde a dispersión xeográfica e a idade da poboación é maior”. Neste senso o deputado Davide Rodríguez, de Manzaneda, sinalaba hai uns días que “quen vivimos no rural non somos cidadanía de segunda”.

Por elo, desde En Marea, ademais de apoiar as esixencias da Plataforma Sanitaria, propoñen ampliar as áreas sanitarias (das 11 actuais a 14), potenciar a atención primaria e descentralizar a toma de decisións.

Ademais de participar na xuntanza, os deputados de En Marea asistirán á concentración diante do hospital do Barco ás 12:00h, tal e como farán Jorge Vázquez e Félix Dominguez nos seus respectivos concellos. Todos emprazan á cidadanía a asistir a ditas concentracións e que se escoiten as súas demandas.

Artigos relacionados

Back to top button