PolíticaÚltima hora

Os deputados ourensáns do PP no Congreso critican o aumento no tempo de viaxe en tren entre Valdeorras e Vigo

Foto: Mónica G. Bellver.

 

Os deputados populares pola provincia de Ourense, Celso Delgado e Ana Vázquez, presentaron hoxe no Congreso varias iniciativas parlamentarias para que Renfe e o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana “rectifiquen con urxencia as decisións que maltratan aos usuarios do ferrocarril das comarca de Valdeorras, Terras de Lemos e do Bierzo”, declarou Delgado.

Reaccionan así ante a noticia de que a partir do próximo luns, 19 de xullo, o tren rexional exprés que sae ás 6:15 horas de Ponferrada e que comunica de maneira directa con Vigo incrementará o tempo da viaxe en nada menos que dúas horas e oito minutos, ao ter que facer transbordo en Ourense. É dicir, que tardará en facer este traxecto sete horas e vinte minutos, fronte ás 5 horas e 12 minutos anteriores. “Unha monumental demora que se traslada tamén aos usuarios do tren das estacións do itinerario”, segundo os populares.

Os deputados afirmaron mostrarse “escandalizados e indignados ante esta disparatada decisión de Renfe que obriga aos usuarios deste tren de media distancia a esperar durante dúas horas e media na estación de Ourense ata que podan continuar a viaxe”.

Ante esta situación, hoxe mesmo os deputados ourensáns, xunto cos representantes lucenses Joaquín García Díez e Jaime de Olano, así como da deputada leonesa Carmen González Guinda, rexistraron no Congreso unha solicitude de comparecencia do presidente de Renfe, Isaías Táboas Suárez, para “informar sobre as medidas urxentes que adoptará para corrixir a arbitraria decisión de incrementar, en máis de dúas horas, o tempo de viaxe entre Ponferrada, Valdeorras e Monforte de Lemos coa cidade de Vigo, con evidente desprezo aos usuarios dunhas comarcas moi marxinadas por Renfe”. Ademais rexistraran varias preguntas parlamentarias sobre a mesma cuestión coa finalidade de que a compañía ferroviaria e o Ministerio de Transportes rectifiquen esta inxusta decisión.

Lembran ademais os deputados as constantes denuncias realizadas sobre a deterioración dos servizos ferroviarios na liña que partindo de Vigo pasa por Porriño, Ribadavia, Ourense, Monforte, Quiroga, A Rúa, O Barco e chega a Ponferrada. Unha liña, din, “pola que circulan os trens máis antigos do parque móbil de Renfe, as unidades 470, que realizan o servizo diúrno e con máis de 35 anos”.

O deputado popular tamén detallou outras deficiencias, como fallos nos protocolos de atención aos viaxeiros cando se producen incidencias, as constantes demoras que padecen os usuarios ou as anulacións de trens sen previo aviso. Engaden queixas constantes sobre os fallos nos sistemas de información (paneis e megafonía) nas estacións do Barco e A Rúa, así como os problemas para os usuarios derivados da perda da venda presencial de billetes nas estacións.

En definitiva, denuncian, “estase a prexudicar gravemente aos usuarios do ferrocarril que esperan fiabilidade e calidade e atópanse co contrario, recortes, degradación do servizo e incerteza”.

Artigos relacionados

Back to top button