En portadaÚltima horaVídeos

Os distintos instrumentos de apoio e as axudas galegas á innovación, analizadas no Barco

A Casa Grande de Viloira acollía este luns a iniciativa "Camiño de futuro", cunha notable asistencia do sector empresarial

 

Innovar supón mellorar o día a día das empresas, é non é algo que estea unicamente en mans das grandes compañías. Nestes dous aspectos incidíase na xornada “Camiño de futuro”, que se desenvolvía nesta mañá na Casa Grande de Viloira (O Barco), co obxectivo de “difundir entre as pequenas e medianas empresas de contornas non urbanas os instrumentos de apoio dirixidos a mellorar a súa competitividade e crecemento”. No seu decurso tomaban a palabra distintos responsables de entidades provinciais e galegas e tamén se amosaba a experiencia innovadora de éxito de empresas como Regalsa facility service e Meraki Cakes & Food S.L.

A sesión comezaba coa intervención do alcalde do Barco, Alfredo García, que “o futuro das zonas de interior, decadentes en canto a asentamento de poboación, pasa por manter e xerar novo emprego. Para vivir no rural hai que ter as posibilidades de vivir no rural”. Seguidamente, a alcaldesa de Carballeda e presidenta do GDR, María Carmen González, amosaba o seu desexo de que “se empezase a ver o rural doutro xeito” e de que se “volvese valorar os antigos oficios. Iso tamén é emprender e vivir no rural, creando un rural dinámico e onde teñamos servizos”. E finalizaba animando “a emprender en Valdeorras”.

 

 

A continuación tomaba a palabra o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, quen destacaba que as “Pemes son unha prioridade para a Xunta de Galicia, como motor da economía galega; e por iso se persegue que aquelas que aínda non iniciaron o camiño da innovación o fagan, xa que é un factor clave para a competitividade das compañías”.

Así mesmo, Gabriel Alén sinalou que actualmente as empresas galegas se enfrontan a retos globais “que dificilmente se poden abordar sen innovación e o papel da Administración debe ser acompañalas neste proceso. Para iso, púxose en marcha o Programa de Impulso á Innovación nas Pemes que inclúe diferentes actuacións, como liñas de axuda pensadas para empresas tradicionais e de sectores maduros que queren empezar a innovar; difusión da cultura da innovación para incrementar o número de pemes innovadoras; desenvolvemento de contidos formativos e ferramentas para que as pemes poidan avaliar a súa capacidade para innovar; difusión de casos de éxito de empresas innovadoras da contorna e asesoramento personalizado”.

 

O delegado da Xunta en Ourense, na súa intervención.

 

No encontro celebrado no Barco de Valdeorras técnicos de Gain e do Igape, dependentes da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, así como dos grupos de desenvolvemento rural (GDR) Valdeorras, explicaron as diferentes convocatorias de axuda activadas pola Xunta e que poden consultarse en páxinas web como a da Axencia Galega de Innovación.

Ademais, celebrouse unha mesa redonda de casos de éxito empresarial con pemes innovadoras da contorna procedentes de distintos sectores, que falaron da súa experiencia como beneficiarios de distintos instrumentos de apoio da Administración para que a empresa mellore a súa competitividade a todos os niveis.

No Barco de Valdeorras, a cita con compañías innovadoras reuniu ás empresas Meraki Cakes & Food. S.L. dedicada a repostería creativa e tradicional, decoración de eventos, almorzos a domicilio, venda de pan e regalos; e Regalsa Facility Services, especializada en limpeza industrial e servizos xerais, e tamén se puido coñecer a experiencia de Samaca.

 

Asistentes á xornada.

 

A Axencia Galega da Industria Forestal tamén participou neste acto e presentou as liñas de axuda para este sector, como as Xera-Tecno, liás de apoio á explotación forestal e primeira transformación nas pemes desta industria, así como á valorización da segunda transformación. A liña Xera-Savia vai encamiñada á mellora da formación e coñecemento da industria forestal por parte de asociacións sectoriais e colexios profesionais. Utilizamadeira é unha liña de fomento da demanda de produtos forestais dirixidas a pemes, particulares e entidades sen ánimo de lucro; Xera-Ecoinnova e Xera-Dixital son novas liñas para fomentar proxectos de dixitalización e de ecodeseño de produtos e solucións de economía circular para pemes que utilicen madeira e melloren a pegada ambiental.

 

A presidenta da CEO, Marisol Novoa.

 

Conecta Ourense

o peche do acto corría a cargo de Marisol Novoa, presidenta da Confederación Empresarial de Ourense, entidade co-organizadora do evento. Na súa intervención, Novoa aproveitou para lembrar que na comarca valdeorresa a CEO vén de poñer en marcha a oficina de Conecta Ourense, “un proxecto que ten como principal obxectivo detectar o potencial das empresas desta zona de maneira que podamos orientalas no seu camiño cara á innovación, a internacionalización e a sustentabilidade, características irrenunciables das empresas deste século para afrontar con éxito os escenarios tan complicados que estamos a atravesar e poder así consolidar a súa competitividade”.

 

 

A presidenta da CEO insistiu en que “neste contexto tan incerto e complexo é cando máis debemos estar a carón das empresas, cada organismo, administración ou entidade que aquí estamos na súa parcela de competencias e ao máximo das súas posibilidades, facilitando as condicións idóneas para que podan seguir desempeñando a súa actividade”.

Camiño de futuro

Camiño de futuro dá continuidade á iniciativa “Camiño da innovación”, unha das primeiras actuacións do Programa de Impulso á Innovación nas Pemes que ao longo dos meses de novembro e decembro pasados percorreu a través dun espazo itinerante un total de 18 localidades das catro provincias galegas, realizando máis de 240 asesoramentos a pemes galegas e asistindo máis de 550 persoas aos encontros.

En total, dentro de “Camiño de futuro” celebraranse catorce encontros de networking durante os meses de marzo e abril por toda a xeografía galega. A iniciativa, organizada pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, conta coa colaboración das consellerías do Medio Rural e do Mar, os grupos de desenvolvemento rural (GDR) e grupos de acción local pesqueira (GALP), así como as confederacións de empresarios de Lugo e Ourense (CEO).

A iniciativa “Camiño de futuro” chegará esta mesma semana a outros puntos de provincia de Ourense como é o caso de Allariz ou Beade.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button