CulturaMúsicaÚltima hora

Os dj’s Kazu Kimura e Darkrow no I Festival Techno de Ribas de Sil

Festa da música electrónica o 17 de agosto

KazuKimura

Foto: Carlos G. Hervella
Foto: Carlos G. Hervella

A praza do Concello de Ribas de Sil (Lugo) acollerá o sábado 17 de agosto o I Festival Techno. Trátase dunha iniciativa da organización Technosil, que reunirá no centro da localidade lucense a algúns dos mellores dj’s do panorama músical actual.
O ano pasado xa organizaran algo parecido aínda que a menor escala en Quiroga, pero este ano contaron co apoio do Concello de Ribas de Sil polo que decidían aumentar o cartel e o presuposto. “O Concello cédenos o espazo e pon á nosa disposición o personal e medios necesarios” explican dende Technosil, que se encarga da organización deste tipo de festivais, e que conta asemade coa colaboración dalgunhas empresas e comerciantes.

Así, no marco das festas de verán de San Clodio, a partires das 20h. do día 17 celebrarase a festa da música electrónica que contará coa actuación de once dj’s. Como cabeza de cartel estará Kazu Kimura (CLR Japón) de sona internacional, toda unha lenda en cabina dende hai máis de quince anos. Natural de Nagano comeza a súa carreira en 1987 no mítico club La Femme de Tokio. Combinando técnica á hora de mesturar cunha selección de techno duro e minimalista, Kimura é moi popular en Asia e tamén en Europa, onde ten actuado entre outros eventos no Time Warp en Alemania, Technological en España e Bassblaster na República Checa.

Entre os dj’s convidados, destaca tamén Darkrow (Datagroove The Box), natural de Santiago de Compostela e considerado como un dos principais xoves dj’s/produtores no mundo da música electrónica, no norte de España. Centrado máis que nunca na produción, conseguíu entrar no recoñecido TOP 100 de Beatport con varios dos seus discos nos últimos 3 anos despois de ter comezado o seu novo proxecto, Datagroove Music (2010) e The Box Records (2012).

Completan o cartel Dani Carrera (Deeperfect) e J M Ix (1605 Music Teraphy), ámbolos dous da zona do Bierzo; Maceda (Modulates Waves); Brais Llano (Lugo); Elías (Verbena Records); Fro (Frodo Records); Dávila (After Medas); Fraggle Row; e Javi Variño (Deep Teraphy). Os catro últimos da zona do sur de Lugo “son afeccionados que non se adican a isto profesionalmente pero si que o fan moi ben” explican dende Technosil.

Dende a propia empresa engaden que “disporemos dun espazo duns 2.000 metros cadrados pechados coa metade cuberta por unha carpa, con bar incluído que estará atendido por xente do pobo”, contando asemade con 10.000 watios de son e 6.000 watios de iluminación para disfrutar de máis de doce horas de música para bailar.
Cun presuposto que oscila entre os 5 e os 6 mil euros, dende Technosil consideran que o de Ribas de Sil é “un cartelazo e estamos arriscando moito polo que esperamos, polo menos, non perder cartos”. Nun principio teñen en previsión unhas mil persoas “porque esta é unha zona sen tradición por este tipo de música” aínda que esperan que sexan máis posto que se trata dunha idea innovadora en toda a contorna que de seguro moverá a moita xuventude.

O custe da entrada será de 5 euros e para máis información, a organización do festival conta cunha páxina web: www.technosil.es e tamén cunha conta en Facebook.

Texto: Mónica G. Bellver

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button