DeportesGalerías de fotosÚltima hora

Os do Carballiño lévanse o segundo derbi do ano en Calabagueiros

Co 0-2 no marcador remataba o C.D. Barco-C.D. Arenteiro, o primeiro partido da segunda volta en 3ª división

 

Cunha derrota vén de comezar o C.D. Barco a segunda volta da liga en terceira división. Despois da vitoria in extremis ante o Ourense C.F. o pasado domingo, na tarde do 19 de xaneiro os rapaces de Manolo Pérez volvían xogar en casa, no campo de Calabagueiros, e de novo contra outro equipo da provincia, o C.D. Arenteiro, aínda que desta volta non tiveron á sorte do seu lado.

Tras unha primeira metade sen goles malia algunhas ocasións claras para ámbolos dous equipos que non chegaban a transformar, os tantos chegaban na segunda parte, favorables ao conxunto verde que suma a quinta vitoria da tempada. Costa marcaba no minuto 65 e só cinco despois Iago sentenciaba o encontro co 0-2.

 

Ivi Vales e Mitogo loitan polo balón. /Foto: Carlos G. Hervella.

 

Con este resultado os vermellos mantéñense en postos de promoción (3º) aínda que se distancian do segundo clasificado, o Ourense C.F. (que vencía 0-3 ao Bergantiños) e perden vantaxe co cuarto, o Arousa, que ten dous puntos menos. Con todo, o C.D. Barco ten un partido menos (contra o Pontellas, suspendido polo temporal). A seguinte cita será a domicilio, no campo do Alondras.

O C.D. Arenteiro pola súa banda, xa disputou o seu partido aprazado contra a UD Bouzas (empate a 2) e mantense na metade da táboa empatado a 25 puntos con 9º (o Vilalbés) e o 11º (o Estradense). O seguinte partido será en casa, no campo de Espiñedo, contra o Bergantiños.

Fotos: Carlos G. Hervella /Mónica G. Bellver

Artigos relacionados

Back to top button