OurenseÚltima hora

Os dúos del Valle e Cassadó, as citas do festival Enclave de Cámara para este mes de novembro en Ourense

Neste mes tamén haberá tres actuacións do Ciclo Lírico, os días 25, 26 e 27

Dúo del Valle.

 

Os festivais Enclave de Cámara e o Ciclo Lírico poñen a nota musical ao mes de novembro no Auditorio Municipal de Ourense, con cinco actuacións.  A primeira, o xoves 12 de novembro ás 20:30h. será o concerto do Dúo del Valle e a segunda o domingo 22 de novembro, ás 19h. o do Dúo Cassadó, para festexar a patroa da música, santa Icía, ámbolos dous do Enclave de Cámara que se desenvolvera tamén ao longo do ano 2021.

Con respecto á quinta edición do Ciclo Lírico, son tres as citas previstas. Para o 25 de novembro, “En terras alleas, cen anos de música viaxeira”, un programa conmemorativo do quinto centenario da primeira volta ao mundo Magallanes-Elcano. Será un fascinante percorrido musical renacentista da man de mestres de capela viaxeiros, con músicas que dan fe da mestura musical na Europa do século XVI da man da soprano Delia Agúndez, xunto a María Alejandra Saturno coa viola de gambia e Alicia Lázaro ao laud.

Ao día seguinte, 26 de novembro tocaralle o turno a “Os albores do Lied, Beethoven e Schubert”, con Tobias Berndt, barítono, e Alejandro Picó-Leonís ao piano. Co barítono austríaco Tobias Berndt e co prestixioso pianista acompañante Alejandro Picó-Leonís faremos un percorrido pola lírica máis internacional, polo lied de Schubert e Beethoven, un itinerario pola lírica clásica europea.

E pechando o mes, o 27 de novembro será a quenda deA lírica galega”, con Nuria Lorenzo, mezzosoprano, e Alejo Amoedo ao piano. Será unha homenaxe ao Ano Nós no que estamos inmersos na cidade. Así, Nuria Lorenzo, mezzosoprano, acompañada ao piano de Alejo Amoedo, ofrecerannos un concerto con textos de Pedrayo, Risco ou Cuevillas. Outros textos serán de Rosalía de Castro, Eugenia Osterberger ou Curros Enríquez. A noite rematará cunha estrea, un regalo de Juan Durán, premio Raíña Sofía de composición, “Tríptico rosaliano”, sobre poemas de Rosalía de Castro.

 

Artigos relacionados

Back to top button