OurenseÚltima hora

Os Ecovixiantes de Franciscanas e o ‘Tour dos 3 erres’

 

Esta semana os Ecovixiantes de Franciscanas tiveron unha xornada na Alameda dedicada ao coidado ambiental a través dun xogo moi divertido e didáctico, o “Tour dos 3 erres”, dentro do Plan Proxecta Recíclate con Sogama. “Recibimos o xogo de mesa, nesta ocasión de chan, e puxémonos ao choio, con preguntas e probas divertidísimas”, aseguran dende os Ecovixiantes que remataban a xornada, depositando na illa de reciclaxe todos os envases lixeiros xerados esta semana no colexio.

O “Tour dos 3 erres” é un xogo didáctico que pretende formar aos escolares en valores ambientais, pero sen descoidar os propiamente sociais. Pensado para o alumnado adscrito ao programa “Recíclate con Sogama” 2021-2022 e máis concretamente ao que cursa os dous últimos ciclos de Primaria (8 a 12 anos) e 1º de ESO (12 a 14 anos), inspírase no uso da bicicleta como referencia de mobilidade sostible. O velocípedo circula sobre un taboleiro, no que se simula unha carreira ciclista, debendo os participantes facer fronte a diversos desafíos ambientais.

 

Depositando os envases lixeiros no contedor amarelo.

 

Con esta iniciativa, a empresa pública pretende explicar o seu labor en Galicia, sensibilizar acerca da importancia de xestionar os residuos de forma sostible, e lanzar unha mensaxe de optimismo sobre as bondades que trae consigo o traballo en equipo para a mellora da contorna. Ademais, “o xogo reivindica unha competitividade limpa e honesta na que prima a cooperación entre os concursantes e a solidariedade entre equipos, poñendo de relevo a máxima de que, para convencer, é necesario argumentar”, puntualiza o profesor Lalo Sánchez.

Con respecto á dinámica do xogo, en torno ao taboleiro organízanse dous equipos, comezando a carreira o que obteña a puntuación máis elevada cun dado. Irá avanzando no itinerario a medida que vaia sorteando con éxito cada un dos retos escondidos nas casas do xogo. Aínda que vencerá o equipo que antes chegue á meta, o certo é que a vitoria non será definitiva ata que o segundo faga o propio. É por iso que os gañadores deberán colaborar activamente co equipo que aínda estea a concursar.

 

 

Cada casa está conformada por cinco contidos xenéricos: Sprint (que versa sobre os tres erres e a separación de residuos en orixe); Contrarreloxo (sobre espazos naturais); Meta volante (consello ambiental que inclúe a identificación dun animal ou personaxe que debe interpretar un dos xogadores e adiviñar o resto); GPS (actividade interactiva que debe ser completada nun teléfono móbil ou tablet, accedendo a través dunha ligazón estable na plataforma educativa www.cadernoverde.gal); e Meta da sustentabilidade (información sobre Sogama, operativa, etc).

Este recurso lúdico vai acompañado dunha folla de instrucións, un manifesto que deben ler os equipos antes de comezar a carreira, un dado e catro lotes de cartas. O manifesto deberá ser lido polo capitán do equipo antes de empezar a xogar, deixando constancia dos seus compromisos: pedalear con cabeza e corazón de forma conxunta e respectando o espazo e esforzo do equipo rival; saber que o camiño é tan importante como a meta final; que as mellores etapas son as compartidas; e que todos os camiños transforman a quen os percorre, de aí a importancia de aplicar na vida o aprendido na competición. O compromiso cos tres erres (reducir, reutilizar e reciclar) constitúe a maior aprendizaxe: “xuntos, pedalada a pedalada, por un futuro sostible”.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button